----

Xesús Fraga gaña o premio Nacional de Narrativa pola súa obra Virtudes (e misterios)

O xornalista Xesús Fraga (Londres, 1971) acaba de ser galardoado co Premio Nacional de Narrativa que concede o Ministerio de Cultura e Deporte pola súa obra Virtudes (e misterios). O fallo do xurado destaca que a obra mostra "cunha prosa moi coidada, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís, e profunda nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América”. Fraga é membro do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

O galardón está dotado con 20.000 euros e súmase ao Premio Eduardo Blanco Amor que Xesús Fraga recibiu en 2019 por esta mesma obra. Segundo o xurado, a novela achega a inmigración “cos seus claros e escuros dende as súas dúas beiras, a dos que marchan e as dos que quedan, e tamén dende o punto de vista dos que viven entre dous mundos”.

O xurado do Premio Nacional de Narrativa estivo constituído por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, e Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, como presidenta e vicepresidenta; Rosario Álvarez Blanco, pola Real Academia Galega; Aurora Gloria Egido Martínez pola Real Academia Española; Luis Roberto González de Viñaspre Gonzalo pola Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia; Damià Pons i Pons, Institut d'Estudis Catalans; Ignacio Eduardo Martínez de Pisón Cavero, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Ernesto Pérez Zúñiga, pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Irene Suárez Bardón, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Iker Seisdedos García, pola Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); Marta Cerezo Moreno polo Centro de Estudos de Xénero da UNED; Francisco Gutiérrez Carbajo polo Ministerio de Cultura e Deporte e Juan Bonilla Gago, autor galardoado na convocatoria de 2020.