A crise derivada da COVID-19 supuxo durante o ano 2020 unha paralización sen precedentes do sector cultural que aínda continúa por mor dos límites na capacidade dos espazos e restricións sanitarias. Por ese motivo, o panorama cultural precisa dunha estratexia global de actuación onde é fundamental a política de fomento da actividade cultural. Este curso, que imparte a letrada María Isabel Novo Castro, está orientado a que os operadores culturais, que teñen unha especificidade propia, coñezan cales son os mecanismos que ten a administración para apoiar este sector e as súas especificidades.
A xornada divídese en dúas partes. Unha primeira encamiña da explicar a diferenza entre as subvencións e figuras xurídicas afíns: patrocinio, mecenado, investimentos inmateriais, doazóns modais, premios e bolsas. Ademais, inclúe formación sobre os procedementos de formalización administrativa das diferentes figuras e as súas peculiaridades. A segunda parte está centrada en aclarar os procedementos de concorrencia competitiva e concesión directa de axudas.
Próximas accións
Este curso é o segundo de tres xornadas encamiñadas a vincular o ámbito xurídico e o cultural. A seguinte das accións terá lugar os días 15 e 16 de novembro, a coincidir co Día do Patrimonio, e será unha xornada na que se abordarán as novas perspectivas para o futuro do patrimonio cultural no noso país. Esta cita pretende mudar a tradicional visión do patrimonio que en lugar de verse como un obstáculo en materia urbanística, ambiental ou paisaxística... debería ser concibido como un elemento integrador. Para iso, diferentes profesionais abordarán as problemáticas xurídicas e técnicas que debemos superar na nosa comunidade autónoma para afrontar esa nova visión integradora do patrimonio cultural, xa recollida na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que no seu artigo 2.3 establece o mandato aos poderes públicos de integrar a protección do patrimonio cultural nas políticas sectoriais de educación, investigación, ordenación do territorio, urbanismo, paisaxe, conservación da natureza, desenvolvemento rural e turístico, así como naquelas que supoñan a xestión do dominio público.