NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega homenaxea as mulleres rurais a partir da figura de Nieves Fernández

Nieves Fernández Vidueira é escritora, fotógrafa, tallista da madeira, deseñadora e creadora de traxes, disfraces e máscaras de entroido, aínda que ela se define a si mesma como criadora de ovellas. A súa figura é obxecto da xornada homenaxe que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) lle fai este xoves, 21 de outubro. A cita pretende ser un espazo de reflexión arredor da diversidade das contribucións das mulleres do rural no mantemento dun espazo social, económico e natural. A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez; a directora do CDIF, María Xosé Porteiro; máis as coordinadoras da xornada, Lucía Oca e Rosa Arcos, inauguran esta cita presencial que tamén se pode seguir en directo por internet.

O CDIF dedica cada ano unha xornada a poñer en valor a vida e a biografía dunha muller representativa e destacada no ámbito galego. A elexida nesta ocasión é Nieves Fernández, unha muller activa e figura fundamental no mundo rural. Defínese a si mesma como criadora de ovellas de raza galega, pero como tantas outras mulleres do rural, a súa biografía está marcada dunha intensa actividade en diferentes ámbitos. Está vinculada a diferentes entidades activas na mellora do rural. Adherida á asociación ASOVEGA, ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e á entidade “Pastos e Forraxes”. É ademais socia fundadora da Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira de Ovino e Caprino de Galicia (ADSG-Acivo), e participou activamente na Asociación de Criadores/as de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) e na Asociación de Mulleres Rurais de Viana do Bolo.
As súa biografía e actividade está presente na Cartografía que a técnica do CDIF, Mariám Mariño Costales, presentará no marco da xornada. Unha información que estará dispoñible desde o web da institución. Ademais, proxectaranse dous vídeos “Así é a Nieves” e “O Museo da Nieves, onde a madeira e o fulión cobran vida” que axudan a enmarcar o traballo da homenaxeada. Un dos momentos centrais da xornada é a entrevista que a escritora, fotógrafa, viaxeira e correcamiños Mercedes Vázquez Saavedra lle fará á propia Nieves Fernández.

Nieves e o contexto das mulleres rurais
A historia de vida de Nieves Fernández Vidueira servirá como pretexto para reunir unha serie de voces de mulleres vencelladas ao rural, dende as actividades produtivas, dende o tecido asociativo, dende o mundo académico ou dende o institucional. A través das súas palabras e experiencias retratarán a diversidade coa que as mulleres rurais contribúen de xeito decisivo á sociedade galega, tratando cuestións que permitan entender e explicar os seus lugares e posicións no mundo do rural, así como expor e contrastar o xa feito, sen esquecer o que fica por facer. A primeira desas voces é a de Silvia Adán Belmonte, veterinaria e directora técnica de ASOVEGA e de CAPRIGA. Federación de Razas Autóctonas de Galicia- BOAGA, que ofrecerá un relatorio titulado “As mulleres rurais protagonistas do territorio. O compromiso coa calidade, a cultura e a contorna”.

Despois, María Ángeles Sallé Alonso, doutora en Ciencias Sociais e especialista en Políticas públicas de desenvolvemento socioeconómico, igualdade e sociedade dixital, falará de “Leccións aprendidas en proxectos de emprendemento rural e indíxena liderado por mulleres en Panamá”. A intervención de Ana Cabana Iglesia, doutora en Historia, profesora titular na USC e membro do Grupo HISTAGRA, “Saias, toxos e piñeiros. O monte e o forestal galego contemporáneo en clave de xénero”. Os relatorios rematan pola tarde coa intervención de Ana Corredoira Vázquez, produtora de leite ecolóxico, titular da explotación A Cernada e socia fundadora da coop. As Vacas da Ulloa, que titulou “Mulleres removendo o sector primario”.

No programa hai tamén un faladoiro no que diferentes mulleres exporán os seus proxectos relacionados co mundo rural. Miriam Fernández Otero explicará “Nos fíos do tempo”, o proxecto de recuperación da tradición do liño coa Asociación de Mulleres Rurais A Insua (Vilaba); Mónica Barro abordará o proxecto de crianza de galiñas araucanas en Xermade (Lugo); Dori Rodríguez conta o proxecto de viño ecolóxico que desenvolve en Adegas Celme (Castrelo do Miño – Ourense) e Llerena Perozo o proxecto de Agrocultura “A Gargalleira” que inaugurou este ano en Silleda.