A A.C. Fala Ceibe renova o seu web co obxectivo de poñer á disposición da comunidade galegofalante do Bierzo un medio de comunicación plural que sirva de voceiro das súas demandas e inquedanzas. Así mesmo, fan un chamamento especial á comunidade escolar do Bierzo, alumnos e profesores, para que compartan a través da rede as súas propias experiencias educativas en galego.
Pola súa parte, o buscador Google dispón xa do dominio .es, ofrecendo agora desde este dominio a posiblidade de facer as buscas en calquera das linguas oficiais do estado: castelán, catalán, éuscaro e galego.
E a editorial Aranzadi que, unida ó grupo estadounidense Thomson, ofrece un amplísimo catálogo en liña de lexislación internacional, incluirá a partir de agora na súa base de datos española a lexislación autonómica galega en galego (antes incluía tamén esta lexislación, pero na súa versión en castelán).