NOTICIA

----

A duodécima entrega do especial “Historias de ida e volta” documenta a emigración galega a Europa

A partir de 1959 a emigración galega dirixiuse cara a aqueles países europeos que se atopaban en pleno desenvolvemento industrial e tecnolóxico e que precisaban man de obra estranxeira. Alemaña, Suíza, Francia e Holanda, seguidos do Reino Unido e Bélxica convertéronse nos países de destino das novas vagas migratorias. A duodécima entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, ofrece fotografías e documentos que poñen de manifesto a emigración galega cara a Europa nos anos setenta e setenta.

Esta nova entrega do especial “Historias de ida e volta” presenta en vinte imaxes e documentos unha visión xeral da vida cotiá dos emigrantes galegos durante os anos 60 e 70 naqueles destinos continentais de maior prevalencia.

Destinos desta vaga migratoria
Francia foi un dos principais focos de atracción de emigrantes galegos a Europa. Ao contrario doutras zonas de España, Galicia non tivo unha notable participación na emigración de temporada a este país, máis ben foi unha emigración permanente. Aínda que a emigración asistida a países europeos foi maioritariamente masculina, existiu un notable continxente de mulleres que nutriu igualmente a cantidade de man de obra inmigrante e que chegaba ao país non sempre pola vía regular de contratación. Moitas parellas de emigrantes, aínda sendo veciños do mesmo concello, coñecíanse no país de acollida e formaban alí unha familia. No especial pódese ver un grupo de escolares descendentes de emigrantes españois.

Na segunda metade do século XX Alemaña potenciaba a chegada de emigrantes que ocupasen temporalmente os numerosos postos laborais vacantes, xeralmente os máis pesados e menos cualificados. Eran os "gastarbeiter" ou "traballadores invitados" procedentes do sur de Europa. No especial pódese ver un exemplar do folleto “Consejos para trabajadores españoles empleados en la República Federal de Alemania” que foi publicado polo Instituto Federal de Colocación y Paro de Nüremberg en colaboración co Instituto Español de Emigración. Era un dos exemplares que o traballador recibía cando asinaba o contrato de traballo e no que aparecía a información sobre as cuestións laborais que podían atopar (condicións de traballo, contratos, dereitos e deberes, sindicatos) pero tamén sobre o reagrupamento familiar, as condicións de vida no país, como facer xiros bancarios a España ou como gozar do tempo de lecer.

No especial tamén se poden ver imaxes de emigrantes galegos en Lisboa, xa que, aínda que non foi un destino masivo, compartir fronteira facilitou o intercambio e integración de traballadores en ambas as dúas "raias".

Características desta vaga migratoria
O especial describe tamén as características desta vaga que, aínda que era eminentemente masculina, “moitas mulleres galegas se incorporaron de maneira clandestina. Integráronse en nichos de traballo nos que a súa man de obra cobraba un papel dominante. Homes e mulleres desenvolveron a súa actividade produtiva nos sectores secundario e terciario maioritariamente”. Con todo, tamén aclara que non todos os países seguían dinámicas idénticas en canto á acollida, contratación, dereitos laborais ou protección socio-sanitaria.

As diferenzas culturais, o idioma, as características das vivendas dos traballadores estranxeiros impedían dalgún modo a interacción social coa sociedade de acollida e, mesmo, a propia reagrupación familiar. Segundo o especial “o grao de integración nas novas sociedades foi relativo, agás os que non chegaron a retornar ou formaron parellas mixtas. Ás veces a liña que separaba as relacións sociais no traballo era moi difusa, xa que se trababa de compañeiros, amigos e mesmo veciños á vez, polo que compartían espazos comúns tanto no ámbito público coma no privado. O tempo de ocio en numerosas ocasións era cambiado por horas extraordinarias de traballo, co fin de incrementar os aforros no menor tempo posible”.

A crise do petróleo e a conseguinte desaceleración económica fixo que a partir de 1973 o mercado de traballo dos principais países de acollida se vise afectada. A pesar de todo, tras o retorno de protagonistas da emigración exterior continental dos anos 60, non se chegou a romper por completo o vínculo inherente ao propio proceso migratorio. O especial asegura que “boa proba diso son os movementos migratorios que se están a producir na actualidade. Moitos dos descendentes dos que foron pioneiros repiten hoxe os mesmos destinos, pero cunha formación académica superior, que lles permite desenvolver traballos máis cualificados”.

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas proceden de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanentemente aberto.