O CDSG dedica cada ano a súa tradicional cita dos Encontros para a normalización lingüística a un aspecto relacionado coa lingua galega. Nesta ocasión a cita pon o acento na creba da transmisión interxeracional, un aspecto que cualifican como grave todos os estudos e informes elaborados por entidades como o CCG ou a Real Academia Galega que afondan sobre a situación do galego na socidade actual.
A cita está coordinada por Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Xusto A. Rodríguez Río, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez e Marta Souto González.
No obxectivo desta edición, titulada “Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega”, preténdese proporcionar e intercambiar información, reflexionar sobre os datos, difundir e compartir experiencias e recursos, e tentar achegar vías de solución ou propostas positivas sobre a perda desta transmisión entre xeracións.
O programa
Por iso, o programa ten unha mesa titulada “A transmisión interxeracional da lingua galega: marco conceptual e contexto social” na que se achegan os datos cuantitativos e cualitativos que permiten coñecer expereincias e accións implementadas noutras áreas. Don os relatorios de Paula Kasares, Universidade Pública de Navarra e Euskarabidea-Instituto Navarro do Euskera; Xaquín Loredo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e do investigador Anik Nandi, Universidade de Leiden (Países Baixos).
Outro dos aspectos nos que se centra o programa pasa por presentar unha visión diversa da crianza, relacionada cos espazos e cos tempos. Un achegamento ao traballo e á ollada de catro persoas que teñen consciencia da importancia de criar na nosa lingua. Baixo o título “Escola en galego...escola aberta” falarán Fernando Lacaci da Confederación ANPAS Galegas; Cristina Llinares d’a Galiña Azul; Lorena Pita e Cristina Rodríguez de Aulas Galegas; xunto con Marta Santos e Joana Santos do Proxecto Semente.
O terceiro dos bloques nos que se centra este encontro está relacionado cos espazos e propostas de lecer para a mocidade. Esta sesión busca ofrecer información e debater sobre o que fan as e os cativos no tempo de lecer, que demandan as familias e que ofertan as administracións e as empresas, todo a través de experiencias desenvolvidas no ámbito galego. Participan nesta sesión María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro; Nerea Couselo de Xandobela; Marcos Maceira da Mesa pola Normalización Lingüística que falará da Iniciativa Xabarín, e tamén Marcelo Rodríguez.
Os vídeos dos relatores están xa dispoñibles desde o web do Consello da Cultura Galega e todos os participantes estarán presentes nas xornada de debate e reflexión programada para o vindeiro 4 de novembro. A xornada remata, como ben sendo habitual no programa, cun espectáculo relacionado coa temática de cada encontro. Desta volta Faia Díaz e Vero Rilo interpretarán “Apatacón. Por unha peseta”, unha proposta artística a voz cantada e narrada, que fai referencia ás historias interxeracionais aprendidas das súas avoas.