NOTICIA

----

Entra no Álbum de Galicia a biografía de Antonio Couceiro Freijomil

Foi un excelente conferenciante, xornalista, ensaísta, pedagogo e un recoñecido bibliógrafo, que chegou a ter máis de mil volumes de tema galego, centos de xornais e revistas antigas, e unha importante colección de manuscritos e notas das súas investigacións. Antonio Couceiro Freijomil (Pontedeume, 1888 - Compostela, 1995) é a última persoa en incorporarse ao Álbum de Galicia, proxecto dixital que xunta biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos da cultura galega.

Antonio Couceiro destacou por ser un erudito filólogo e bibliófilo, xornalista, ensaísta, pero, sobre todo, un convencido pedagogo. Tiña só dezaseis anos cando abriu un centro educativo de primeiro ensino na súa vila natal. Converteuse pronto nun profesor cultísimo, modesto e serio e non tardou en destacar como investigador. A súa vocación docente levouno a iniciar por libre os estudos de Maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1909 con premio extraordinario. Un ano despois gañou, co primeiro posto, as oposicións ás escolas do distrito universitario de Compostela e accedeu como auxiliar á Escola Superior Graduada de Lugo. Compaxinou este posto co exercicio libre do ensino secundario. En 1917 volve opositar e acada unha praza como inspector de Ensino Primario. Escolle destino en Ourense, onde reside durante máis de vinte anos e onde coñeceu a Elisa Pavón Rodríguez, con quen casaría en xullo de 1920.

Na cidade das Burgas entra en contacto co grupo Nós. Amigo de Marcelo Macías, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Vicente Risco e outros membros do cenáculo ourensán que o levan a facer colaboracións estables coa Revista Nós e a consolidar a súa actividade xornalística. Convértese en colaborador asiduo de La Zarpa e Galicia, e en redactor xefe do Diario de Orense. Cos anos, atopamos a súa sinatura en El Norte de Galicia dirixido por Francisco Álvarez de Nóvoa; Vida Gallega, onde publica unha colección de versos baixo o título «Do meu feixe. Miudencias»; El Compostelano, El Correo Gallego, El Pueblo Gallego e La Noche onde dirixiu a páxina «Plumas y letras gallegas» e redactou unha columna de efemérides titulada «Galicia tal día como hoy».

Formou parte do Seminario de Estudos Galegos, e participou na IV Asemblea da institución, celebrada en Pontevedra entre os días 7 e 9 de abril dese ano cun estudo sobre a ortografía galega coa que procura a creación dunha norma escrita unificada, froito desta intervención publicarase pouco despois, en Ourense, o caderno Ortografía gallega. Bases para su unificación por Antonio Couceiro Freijomil con un apéndice del profesor Abelardo Moralejo, de la Facultad de Filosofía y Letras de Santiago. Con todo, discrepancias con Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, levárono a afastárense dos homes do Seminario e do grupo máis activo culturalmente. O 27 de xullo de 1941 ingresou, xunto a outros dezaoito académicos, na Real Academia Galega a proposta de Manuel Casás Fernández, presidente da institución, Ángel del Castillo e Alejandro Barreiro Noya. Naquela ocasión, o único discurso que se leu foi o de Fermín Bouza-Brey, La mitología del agua en el noroeste hispánico. En 1949 ingresa na sección de Paleografía e Diplomática do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Ao amparo desta institución publicará entre 1951 e 1954 en Bibliófilos Gallegos os tres tomos do seu, aínda hoxe imprescindible, Diccionario bio-bibliográfico de escritores, onde reúne máis de 4000 coidadas e documentadas biobibliografías de autores galegos.
Morreu en Compostela en maio de 1955.

Na súa entrada está acompañada doutros materiais documentais e bibliográficos para comprender a relevancia da súa figura coma as súas achegas na revista Nós, así como en publicacións periódicas nas que colaborou.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.