----

O congreso sobre Emilia Pardo Bazán remata no Consello da Cultura Galega cunha análise do seu feminismo

Este venres finaliza na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) o congreso internacional Emilia Pardo Bazán. 100 anos despois que organizan conxuntamente o CCG, a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago (USC). A cita de clausura abordará o feminismo e a vixencia do pensamento da reputada escritora coruñesa. Isabel Burdiel, Ramón Villares, Jo Labanyi ou Pura Fernández son algunhas das personalidades que analizarán este venres unha das facetas menos estudadas da escritora coruñesa.

A historiadora Isabel Burdiel, autora dunha extensa biografía sobre Pardo Bazán, será a encargada de ofrecer, nunha intervención gravada, o primeiro dos relatorios. Baixo o título “O feminismo de Pardo Bazán en perspectiva histórica” Burdiel situará o pensamento da escritora no contexto histórico. De seguido, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela e secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, coordinará a mesa redonda que buscará encaixar a figura da escritora coruñesa na Galicia do seu tempo. O catedrático de historia, Ramón Villares situará a autora no contexto do Rexionalismo galego. Alejandro Alonso, profesor da CUNY, afondará no rexionalismo literario e literatura nacional mentres que o profesor do IES de Sada, Manuel Pérez Lorenzo, trazará a relación entre Emilia Pardo Bazán e as Torres de Meirás.

Pola tarde, a reputada hispanista Jo Labanyi exporá na súa intervención as contradicións no feminismo de Emilia Pardo Bazán. O pensamento social e feminista da escritora centra a última mesa de debate que coordina a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, CDIF, María Xosé Porteiro. Nela participa Marilar Aleixandre que titula a súa intervención “A violencia social baixo “a cor do deber e a virtude” segundo Emilia Pardo Bazán”; Mónica Bar Cendón cunha análise das mulleres na obra de Emilia Pardo Bazán; e Ana María Freire López, que fala do optimismo realista de Emilia Pardo Bazán perante a causa da muller.

“A soidade do xenio. Emilia Pardo Bazán e a xenealoxía autoral das escritoras iberoamericanas” é o título do relatorio co que a profesora de Investigación do Instituto de Lengua, Literatura y Antropología do Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC, Pura Fernández, pecha as sesións científicas.

O congreso remata coa proxección do audiovisual As mulleres do porvir, unha peza cómica de contido tráxico, que escribiu a dramagurga Dorotea Bárcena baseada na obra de Concepción Arenal. Tito Asorey dirixe esta adaptación audiovisual que protagonizan Melania Cruz, María Vázquez e Rocío González.