O plenario acordou recoñecer o traballo de Luis García Montero e de Helena González na promoción da lingua e cultura galega no exterior coa súa máxima distinción. As Medallas do Consello da Cultura Galega foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende situar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. A entrega das medallas terá lugar nun acto presencial que se desenvolverá no primeiro trimestre de 2022.
Os anteriores homenaxeados foron Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato.
Os homenaxeados
Luis García Montero (Granada, 1958) é un poeta e crítico literario, ensaísta, catedrático de Literatura Española na Universidade de Granada. Desde o 2018 dirixe o Instituto Cervantes desde onde desenvolve un decidido programa na defensa da diversidade lingüística e cultural de España. Recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura (1994), o Premio Nacional da Crítica (2003) ou Premio Poetas do Mundo Latino (México, 2010). É un bo coñecedor da figura de Rosalía de Castro, así como de numerosos autores españoles ou latinoamericamos como Adolfo Bécquer, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Luis Rosales, Rubén Bonifaz Nuño, Francisco Ayala o José Emilio Pacheco.
Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967) é profesora titular de literatura galega, directora do ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat da Universidade de Barcelona e académica correspondente da Real Academia Galega. As súas liñas de investigación céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e mais as relacións culturais entre Galicia e Cataluña.
Avance de programación para 2022
O Consello da Cultura Galega porá o foco en 2022 no contexto previo á aprobación do Estatuto de Autonomía. Esa liña de traballo sobre a forxa da autonomía pretende facer análise e memoria dos diferentes sectores que transformaron a sociedade e a cultura galega nese período. Unha crónica sonora da transición en formato podcast e xornadas arredor dos inicios da industria musical son algunhas das actividades previstas. A cultura marítima é outro dos eixes sobre os que pivotará a acción do CCG, que organizará varias xornadas encamiñadas a recuperar o patrimonio inmaterial marítimo. No marco desta liña de traballo inaugurarase unha exposición que documentará as últimas viaxes trasatlánticas cara ao Reino Unido. Haberá novas accións en materia de igualdade e inclusión que buscan poñer o foco no idadismo, é dicir, na actitude discriminatoria cara ás persoas atendendo á súa idade.
Outra das liñas de actuación fóra para 2022 está relacionada cos medios de comunicación. Presentaranse varios informes para coñecer a situación e os novos hábitos de comunicación emerxentes, o seu papel na Galicia da transición e conmemorarase o 75 aniversario do inicio do “Galician Programme”, as emisións en lingua galega que a BBC emitiu dentro do “Spanish Programme”.
Ademais, na programación presentouse o Programa de Acción Exterior que pon en marcha a Comisión de Relacións institucionais e Acción exterior (CRIAE) que coordina Xulio Ríos. O programa busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais dos cidadáns galegos e galegas, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes.
Balance do terceiro trimestre
O plenario tamén deu conta do balance do terceiro trimestre do ano, que se caracterizou polo retorno á actividade presencial. Entre o 22 de xullo e o 26 de outubro realizáronse 15 actividades, todas elas presenciais, das que o 35% completaron o seu aforo. Ademais, neste trimestre mantívose a liña de traballo que busca desenvolver accións fóra da sede institucional. Sarria, Casaio, A Pobra do Brollón, a Illa de San Simón ou Arcos de Valdevez (Portugal) foron algunhas das localidades que acolleron actividade prevista. Outra das características foi a variedade nos formatos (desde cursos, xornadas e un recital poético). A programación de actividades deste trimestre tamén deixou accións para lembrar a faceta de tradutora e editora de Xela Arias e novas itinerancias de exposicións.
Este período tamén se desenvolveu unha intensa actividade no ámbito das relacións institucionais e colaboracións con outras entidades. Nomeadamente co Instituto Cervantes, Etxepare Euskal Institutua e o Institut Ramón Llull. Ademais, tamén tivo lugar a primeira visita do novo director xeral da Comunidade de Países da Lingua Portuguesa (CPLP), Armando Brito.
No marco da función asesora, o Consello da Cultura Galega realizou dous informes de carácter patrimonial, nove de impacto ambiental e presentou as cifras do terceiro barómetro da cultura galega, que mediu o impacto na cultura galega da COVID-19 e que nos sitúa na senda da recuperación.