NOTICIA

----

As contradicións do pensamento social e feminista de Emilia Pardo Bazán afloran no peche do congreso sobre a súa figura

Os relatorios da última xornada do congreso internacional Emilia Pardo Bazán. 100 anos despois coincidiron en destacar que o seu pensamento social e feminista a situaron como unha anticipada ao seu tempo. “As súas denuncias e demandas foron sen dúbida todo un programa intelectual” afirmou a historiadora Isabel Burdiel que destacou que Pardo Bazán “ampliou o límite do que se podía dicir hai cen anos”. A sesión que se desenvolveu este venres no Consello da Cultura Galega(CCG) puxo de relevo as contradicións entre a modernidade do seu pensamento e o seu conservadurismo político e o seu catolicismo. Con ela rematou unha semana na que unha trintena de especialistas afondaron no coñecemento dunha das grandes novelistas do século XIX europeo.

A historiadora Isabel Burdiel abriu a sesión cun relatorio gravado no que situou o seu legado no contexto histórico. “O seu legado quedou sepultado e foi un elo solto na historia do novo feminismo, pero non porque fose conservador, senón porque nalgúns dos seus aspectos foi moi radical e singularmente moderno”. Isabel argumentou que as críticas actuais de Pardo Bazán están desencamiñadas historicamente e defendeu que foi feminista e conservadora pero non unha feminista conservadora. Explicou que no seu tempo convivían e se enfrontaban en toda Europa un legado contraditorio que se debatía entre moitas outras dualidades como a misoxinia e a concepción das mulleres como anxo doméstico. “O libre albedrío, o carácter asexuado das almas...hai unha parte do legado católico que non é intrísecamente resistente ao feminismo, outra cousa é a igrexa como institución que si que o é”diferenciou Burdiel. Na súa intervención defendeu que o uso dunha linguaxe relixiosa podería ter unha capacidade emancipadora e o interesante é a forma en que Pardo Bazán se esforzou en trazar a diferencia entre razón e fe. “Ela entendía o catolicismo como nó de sociabilidade e entendía a intimidade vencellada ás responsabilidades do libre albedrío” apuntou.
“Ninguén nace feminista, faise polo camiño” explicou Isabel Burdiel para explicar que Emilia Pardo Bazán foi evolucionando ao feito que entendeu que as súas dificultades personais eran colectivas. Estivo marcada polo ambiente liberal no que se criou, a autorización moral e efectiva do seu pai e da súa nai que asentaron unha noción forte de si mesma e das súas posibilidades. “Non foi unha evolución simple e liñal e estivo tamén condicionada polo seu desengano co carlismo cando lle recortaron as ás nas revistas, limitando a súa capacidade intelectual” explicou.

Emilia, na Galicia do seu tempo
A mesa redonda da mañá situou o pensamento de Emilia Pardo Bazán no contexto do seu tempo. O historiador Ramón Villares destacou as relacións difíciles e tensas entre Pardo Bazán e o rexionalismo. “Non foron malas pero si de concorrencia e competitividade e moi pouco fecundas” apuntou. Na súa intervención comezou explicando que o rexionalismo tratou de crear un espazo propio para o seu desenvolvemento literario e político mentres que o español estaba bloqueado na capacidade de integración deses rexionalismos. “Pardo Bazán foi moi consciente desa contradición, pero pero non foi moi coidadosa en distinguir o rexionalismo cultural, ou o político” apuntou Villares. Na súa opinión “a relación entre Pardo Bazán e Galicia foi unha historia de amor e desamor, con máis ingredientes do segundo e personalizada na tensión que mantivo con Murguía”. Con todo, na lectura histórica para Villares non estaba aínda aberta a posibilidade dun campo literario galego en lingua galega. Pero tamén o feito de que “había que gañar a capital para poder ser un bo escritor”.
A postura clara de Emilia Pardo Bazán sobre a crise do 98 tamén contribuiu a que non fose moi ben vista en Galicia naquel momento pero tampouco co paso do tempo. “A súa estatua tardou moito en ser erixida, nin tan sequera está enterrada en Galicia e foi declarada inimiga por Antón Vilar Ponte” lembrou Villares. Tamén explicou que Castelao a incluiu “con xustiza” no seu discurso de Alba de Gloria aínda que non lle profesou os mesmos eloxios que a Valle-Inclán. “Só recibiu un trato relativamente honorable na emigración” e engadiu que “os seus romances da sociedade galega non era menos intuitiva e profunda que algúns textos de Otero Pedrayo”.

Foi Alejandro Alonso, profesor da CUNY, quen trazou as características da escritura de Pardo Bazán e a súa permeabilidade aos movementos políticos e sociais do seu tempo e que foi explicando a través das súas numersosas novelas e a encaixou dentro da escritura rexionalista do seu tempo. Rematou ese trazado histórico Manuel Pérez Lorenzo, que afondou na relación tan de actualidade entre Emilia Pardo Bazán e as Torres de Meirás.

O pensamento social e feminista de Pardo Bazán
A sesión da tarde centrouse na análise do pensamento social e feminista de Pardo Bazán que arrincou coa intervención da investigadora Jo Labanyi. “Emilia Pardo Bazán foi unha pioneira do que hoxe en día chamamos o feminismo da igualdade, a diferencia do feminismo da diferencia apoiado pola gran maioría das defensoras da muller do seu día” asegurou Labanyi que perfilou a súa intervención en analizar a contradición máis difícil de entender en Pardo Bazán: a que existe entre o seu feminismo e o seu catolicismo evidentemente sincero. Partiu da última novela da escritora Dulce Dueño (1911), as memorias íntimas de Lina Mascareñas, que busca en vano a felicidade a través dos bens mundanos e que acaba atopando no amor a Deus. “É a única novela de Pardo Bazán narrada por unha protagonista feminina, que debe verse como un exemplo de feminismo perverso e non como un exemplo do masoquismo convencional feminismo, e moito menos como unha claudicación de Pardo Bazán” apuntou.

Marilar Aleixandre, na súa intervención apuntou que “cen anos despois séguese considerando que as mulleres temos máis deberes”. Afirmou que “A cor do deber e da virtude” da que falaba Emlia Pardo Bazán segue plenamente vixente. Esa visión completárona Mónica Bar Cendón nunha análise das mulleres na obra de Emilia Pardo Bazán e Ana María Freire López, que falou do optimismo realista de Emilia Pardo Bazán perante a causa da muller.

A profesora de Investigación do Instituto de Lengua, Literatura y Antropología do Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC, Pura Fernández, abriu o foco e situou a Pardo Bazán nunha liña de escritoras iberoamericanas que mantiveron unha posición de desigualdade e foron contracorrente no seu tempo.

A sesión rematou coa proxección do audiovisual As mulleres do porvir, unha peza cómica de contido tráxico, que escribiu a dramaturga Dorotea Bárcena baseada na obra homónima de Concepción Arenal. Tito Asorey dirixiu esta adaptación audiovisual que protagonizan Melania Cruz, María Vázquez e Rocío González.

A sesión no Consello da Cultura Galega serviu tamén para botar o peche o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán. 100 anos despois, no que máis dunha trintena de especialias contribuiron a visibilizar o carácter poliédrico de que foi unha da grandes novelistas do século XIX.