----

O Consello da Cultura Galega reforzará en 2021 a súa acción exterior e atenderá á cohesión territorial

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste mércores na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 2.842.400,00 euros, 59.418,00 euros máis que en 2021. Álvarez rendeu contas da actividade desenvolvida este ano e avanzou a programación para o 2022, que poñerá en práctica o novo Plan de Acción Exterior (PAE). Alén da actividade habitual de investigación, documentación, arquivo e difusión, no vindeiro ano poñerase especial atención na análise da sociedade e da cultura da Galicia tardofranquista; afondarase no patrimonio derivado da cultura marítima; na situación dos medios de comunicación e tamén na igualdade e inclusión da cultura galega, nomeadamente en cuestión de idade. Os representantes dos distintos grupos parlamentarios expresaron na comparecencia o recoñecemento ao labor que desenvolve a institución.
O Consello da Cultura Galega reforzará en 2021 a súa acción exterior e atenderá á cohesión territorial

Os orzamentos do Consello da Cultura Galega para o ano 2022 continúan no ronsel de edicións anteriores e quedan en 2.842.400 euros; son preto de 60.000 euros máis que no ano anterior, unha suba que se traduce nun axuste para facer fronte aos gastos indispensables da institución e non nun incremento para acometer novos proxectos. A presidenta lembrou na súa intervención que a institución chegou a ter 3.252.800 euros de orzamento.
Con esta suma, o Consello da Cultura galega desenvolverá en 2021 un novo programa de acción exterior promovido desde a Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE), que coordina Xulio Ríos. O programa busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais dos cidadáns galegos e galegas, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes. Este proxecto está baseado en cinco obxectivos estratéxicos e conta con máis dun centenar de actuacións e accións programadas para desenvolver nos próximos dous anos. A primeira das accións previstas terá lugar no mes de marzo, cando se realizará unha presentación institucional e cultural da institución en Bruxelas.

A institución estreou en 2022 unha nova forma de actuación que canaliza a súa actividade en dez liñas estratéxicas. Cada ano, catro desas dez liñas concentran eixes temáticos principais. No vindeiro ano, un deses eixes poñerá o foco no contexto social e cultural previo á aprobación do Estatuto de autonomía. Esa liña de traballo titúlase “A forxa da autonomía” e pretende facer análise e memoria dos diferentes sectores que transformaron a sociedade e a cultura galegas nese período. Unha crónica sonora da transición en formato podcast e xornadas arredor dos inicios da industria musical son algunhas das actividades previstas neste eido. A cultura marítima é outro dos eixes e concretarase con varias xornadas encamiñadas a recuperar o patrimonio inmaterial marítimo. No marco desta liña de traballo inaugurarase unha exposición que documentará as últimas viaxes transatlánticas cara ao Reino Unido.

Outra das liñas de actuación para 2022 está relacionada cos medios de comunicación. Presentaranse varios informes para coñecer a situación dos novos hábitos de comunicación emerxentes, o seu papel na Galicia da transición e conmemorarase o 75 aniversario do inicio do “Galician Programme” , as emisións en lingua galega que a BBC emitiu dentro do “Spanish Programme”.

Desde o inicio do seu mandato, Rosario Álvarez defendeu a necesidade de acadar unha maior igualdade e inclusión en diversos sentidos, nomeadamente en aspectos relacionados co territorio e a evitar discriminacións por cuestión de idade. Ademais, manterase o traballo de arquivo, hemeroteca e preservación de fondos, así como as accións relativas á “memoria viva”; é dicir, homenaxes e actuacións encamiñadas á revitalización e difusión cultural. Ademais da celebración do tradicional Concerto das Letras Galegas, tamén se organizarán actividades arredor da figura de Delgado Gurriarán, próximo homenaxeado no Día das Letras Galegas, con accións que estarán moi vencelladas a analizar os exilios.

A actividade de 2021
No marco da rendición de contas, a presidenta detallou que en 2021 se programaron 87 actividades, 27 máis que en 2019. O 78% das actuacións foron presenciais e o 24% tiveron lugar fóra da sede institucional, en coherencia co intención de cohesión territorial que Rosario Álvarez prometeu ao inicio do seu mandato.

No apartado expositivo, o CCG arrincou o ano coa mostra “Afonso X e Galicia”, que explorou a conexión galega do Rei Sabio no oitocentos aniversario no seu nacemento. A mostra, que contou coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo, inaugurouse en Santiago, desprazouse ata Ourense e rematará o ano en Lugo, a onde chegará o vindeiro 25 de novembro. Ademais, houbo 10 itinerancias de seis exposicións da institución. Neste ano editáronse 17 publicacións e continuouse na incorporación á mediateca de publicacións impresas do fondo histórico.

A asesoría segue a ocupar un papel destacado na acción da institución e este ano realizáronse un total de 47 informes. O Observatorio da Cultura Galega analizou o impacto no sector trala COVID-19 en dous barómetros, estudou a importancia das bandas populares e publicará no mes de novembro unha nova conxuntura estatística de ámbito cultural. Tamén realizou actividades destacadas a nivel patrimonial desde ámbitos diversos como o informe sobre o topónimo Ría de Ribadeo ou o publicado para contabilizar o impacto da liña eléctrica de alta tensión Lousame-Tibo na parroquia de Santa Mariña de Ribasar en Rois. Ademais, elaboráronse catro informes para a declaración de Ben de Interese Cultural como foron sobre a Casa de Cornide, o Adro Vello, a biblioteca de Pardo Bazán ou o posible traslado das estatuas mateanas do Pazo de Meirás. A dimensión asesora contabilizou tamén 28 informes de impacto ambiental.

A acollida dos grupos parlamentarios
Noa Díaz, do Partido Socialistas de Galicia (PSdG-PSOE), abriu a quenda de intervención dos grupos parlamentarios. Destacou o papel do Consello no seguimento da situación do sector cultural e púxoo como exemplo de optimización de recursos. Pola súa parte, Mercedes Queixas do Bloque Nacionalista Galego (BNG) destacou a ampliación de campos de estudo do CCG que vai desde o feminismo, patrimonio, memoria histórica ata a igualdade, nunha concepción ampla da cultura. Ademais, destacou positivamente a súa actividade interdisciplinar con vontade de descentralización territorial. Por último, Ovidio Rodrigo Tato do Partido Popular (PPdeG) destacou que o CCG cumpriu o seu papel como máximo órgano asesor en materia cultural e destacou a súa independencia e profesionalidade.