----

O Consello da Cultura Galega e o Consorcio de Santiago recuperan a figura e o legado do pianista e compositor galego José Arriola (1895-1954)

<em>Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2010</em>.- O salón de actos do Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación do libro ARRIOLA. OBRA MUSICAL, que coeditou xunto co Consorcio de Santiago. A obra recupera a biografìa e o legado musical de José Arriola “Pepito Arriola” (1895-1954), precoz e extraordinario pianista galego, que estudiou e se radicou en Berlín, desde onde levou a súa música a todo o mundo. Presidiron o acto Francisco Díaz-Fierros, Presidente en funcións do Consello da Cultura Galega, e Xosé Manuel Villanueva, Xerente do Consorcio de Santiago. O Cuarteto de corda da Real Filharmonía de Galicia, dirixido por Maximino Zumalave, interpretou o “Quarteto de cordas” de J. Arriola.


<!--more-->

Pepito Arriola, membro dunha familia senlleira na que tamén sobranceou a súa curmá Hildegart Rodríguez Carballeira, foi un neno prodixio do piano e, co paso do tempo, un gran compositor. Naceu en Betanzos, viviu os primeiros anos en Ferrol e deu o seu primeiro concerto cando só contaba tres anos. Despois foi a Berlín, onde se formou musicalmente á beira de Richard Strauss.

Das súas excepcionais habilidades e da súa precocidade dá fe a súa primeira xira internacional cando aínda non cumprira os sete anos. En Berlín radicaríase, chegaría a ser pianista do Emperador Guillermo II, e desde alí irradiaría o seu talento mundialmente recoñecido. En Berlín sufriría tamén a perda da súa biblioteca e da súa obra por causa dos bombardeos ao final da Segunda Guerra Mundial.

Francisco Diaz-Fierros, Presidente en funcións do CCG, salientou o traballo realizado para rescatar e recompoñer a memoria de Arriola e recuperar a súa obra e o activo compromiso da Sección de Música e Artes Escénicas, coordinada por Ramón Castromil, tamén él destacado pianista.

Lembrou que o CCG organizara o 1 de febreiro de 2006 unha conferencia-concerto en lembranza do músico ferrolán, na que de deran a coñecer tres das súas obras.

O que seguiu foi a elaboración dun libro que recolle a súa biografía e boa parte da súa obra e no que se conta coas colaboracións de Rafael Úbeda, Luís Mera e Joam Trillo. Trátase dun estoxo integrado por dez cadernos, dos que hoxe se entregou unha separata co texto de Luís Mera. O primeiro libro inclúe un CD onde se recollen as partes instrumentais das cinco composicións para orquestra e o Quarteto de cordas.

O libro, coeditado polo Consello da Cultura Galega e o Consorcio de Santiago, terá tamén a compaña do CD que ambas as dúas institucións editarán co concerto que a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, ofrecerá o vindeiro 16 de xuño ás nove da noite no Auditorio de Galicia con dúas obras de José Arriola.

No acto interviron: Luís Mera, estudioso e investigador ferrolán, da figura de Arriola, Joam Trillo, compositor e director de orquestra e autor do estudo da música de Arriola, Ramón Castromil, notable pianista e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, e Xosé Manuel Villanueva, Xerente do Consorcio de Santiago.

Na mesa estivo tamén Maximino Zumalave, director da Real Filharmonía de Galicia e que, recentemente, foi elixido membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.