----

Incorpóranse aos fondos hemerográficos 347 números do xornal anarquista Cultura Proletaria

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de poñer a disposición da cidadanía a dixitalización de 347 números do xornal anarquista Cultura Proletaria, cabeceira editada en Nova York entre 1927 e 1953, que contou con colaboradores e xornalistas galegos. Este primeiro lote forma parte dos fondos hemerográficos do AEG.

Cultura Proletaria. Periódico de Ideas, Doctrina y Combate é un dos xornais anarquistas que tivo unha maior difusión. Comezou a editarse en marzo de 1927, tras o traslado da publicación Cultura Obrera a Detroit e mantívose operativo ata 1953.

No seu primeiro número declara a súa defensa dos dereitos dos e das traballadoras dende os ideais libertarios e anarquistas, que nunca deixarán de lado durante toda a súa longa traxectoria, algo pouco habitual nos xornais desta ideoloxía. Estaba dirixido a todos os traballadores de orixe hispana residentes nos Estados Unidos e dende 1930 convértese no voceiro da Federación de Grupos Anarquistas de Lengua Castellana dese país. Continuou, así, o labor do desaparecido Cultura Obrera, chegou a ser un dos xornais anarquistas máis influentes en castelán neses anos e contou con colaboradores e xornalistas galegos.

Este xornal foi localizado e dixitalizado polo Consello da Cultura Galega na The New York Public Library, no marco dun proxecto sobre os obreiros anarquistas galegos no exterior, dirixido polo profesor Bieito Alonso. O AEG ten nos seus arquivos 1255 números desta cabeceira, que se irá subindo nos vindeiros meses. Os que hoxe saen ao público correspóndense cos primeiros 347 números da publicación, que abranguen de 1927 ata 1934.