NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega afonda na vixencia do pensamento da filósofa Simone Weil

A vida de Simone Weil (París, 1909 – Ashford, 1943) foi breve e moi intensa. Foi unha filósofa que predicou co exemplo e deixou o seu posto de profesora universitaria para traballar como obreira nunha fábrica en condicións infrahumanas. A sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) pon os ollos no seu exemplo para analizar o contexto actual na xornada titulada “As raíces do pensamento de Simone Weil”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da sección, Carme Adán; mais a da xornada, Celia Pereira, inauguran este martes a cita presencial que se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.

“Como se nota que vostede nunca pasou fame” espetoulle Simone Weil a outra gran filósofa como é Simone de Beavuoir cando ambas intercambiaban pareceres sobre a existencia do ser humano. Para Weil o importante era unha revolución que dese de comer a todo o mundo. Na anécdota do encontro fai visible o posicionamento absolutamente entregado de Weil, que deron en cualificar como filósofa da atención onde destacou o arraigamento dos conceptos de “clase” e de “nación”. Son as ideas sobre as que pivota a xornada que coordina Celia Pereira e que terá lugar mañá no CCG.

A cita comeza co relatorio de Rosa Rius, profesora da Universitat de Barcelona, que titula “Proposta estratéxica de Simone Weil: enfermeiras en primeira liña da fronte”. De seguido, o doutor en Filosofía pola Universitat de Barcelona, Pau Matheau Ribera, atenderá a importancia das organizacións populares para esta filósofa.

Pola tarde intervirá por videoconferencia Emilia Bea Pérez, profesora titular de Filosofía do Dereito e Filosofía Política da Universitat de València, que centra o concepto da atención en Weil. Pecha a xornada o catedrático de Ciencia Política Ramón Máiz, cun relatorio titulado “Botando raíces: clase e nación en Simone Weil”.

Sección de Pensamento
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega está coordinada por Carme Adán e ten como membros a Mariló Candedo, Francisco Castro, Nieves Herrero, Marta Lois, Ramón Máiz, Luísa Martínez, Celia Pereira, Xoán Antón Pérez Lema e Juan Tallón. Entre as últimas actividades destaca a xornada “A vulnerabilidade na encrucillada”, “Pensar con orgullo” ou o ciclo “Pensarmos”. Outra das liñas de acción desta sección é a revisión do pensamento de figuras destacadas de ámbito internacional e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Karl Marx ou máis recentemente Hannah Arendt.