NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Antón Tovar no centenario do seu nacemento

Antón Tovar (Rairiz de Veiga, 1921-Ourense, 2004) foi o poeta da autenticidade atormentada e do inconformismo. A súa figura está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX pero a escasa difusión da súa obra estivo marcada pola súa militancia comunista e a súa querenza polo individualismo e a soidade. Delfín Caseiro asina a súa entrada no Álbum de Galicia.

Cúmprense cen anos dunha das voces poéticas máis destacadas e descoñecidas da cultura galega. O universo poético de Antón Tovar está marcado pola angustia, o pesimismo, a relixión, Deus, a soidade, a palabra, o sufrimento, a rebeldía ou a identidade. Constantes que se poden ver na súa abondosa produción literaria. Con todo, son os poemarios Arredores (1962) e Non (1967) os que marcan a súa culminación como poeta.

Na súa poesía pode recollerse o seu devalar vital. A decepción relixiosa, Tovar abandonara a carreira de Filosofía e Letras para ingresar nos xesuías en Salamanca onde só pasou dous anos, e a tristura pola morte de seu pai están presentes na súa obra. Como tamén o está os sentimentos cara á muller amada, Tucha, confidente e amparo do poeta desde 1968.

A súa obra estivo marcada polo recoñecemento. No ano 1959 gaña o Premio de Poesía Marina, convocado pola Deputación de Ourense, con El tren y las cosas (1960), con ilustracións de Arturo Baltar, considerado como un dos seus mellores libros de poesía española. En 1960 consegue o 1º e o 3º premios nos Xogos Florais de Guimarães, cos poemas «O can» e «Responso saudoso para D. Enrique o Navegante». Anos máis tarde, volve obter o 1º premio co poema «Deume a risa». En 1966 gaña o Premio Amor Ruibal co ensaio «Xoán XXIII e a Terra», que aparece en La Hoja del Lunes de Ourense. Trascende o círculo ourensán en 1981 cando recibe o premio da crítica por Calados esconxuros (1980). Aínda lle chegarían despois novos recoñecementos como o Premio de Creación Losada Diéguez polo explícito Berros en voz baixa (1990). En 2001, cunha saúde moi precaria, o concello de Rairiz de Veiga desígnao Fillo Predilecto, outorgándolle o nome do poeta á biblioteca municipal. Un ano despois, o plenario da RAG propón por unanimidade o seu nome como candidato galego ao Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. Fora nomeado membro correspondente da institución en 1984 e membro de honra en 1997.

Tovar morreu en 2004 tras unha longa vida na que compartiu amizade cunha nómina recoñecida da súa obra como Arturo Baltar, Xaime Quessada, Manuel Prego, Vicente Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Julio Gimeno, Blanco Amor ou Segundo Alvarado, entre moitos outros.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.