A presidenta do Consello da Cultura Galega recoñecida co premio Otero Pedrayo 2021

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista viguesa Menchu Lamas, acaban de ser recoñecidas “ex aequo” co Premio Otero Pedrayo 2021 que este ano concedeu a Deputación de Pontevedra. O xurado salientou a "extraordinaria" traxectoria das dúas galardoadas e a súa fundamental contribución á cultura galega.

O Premio Otero Pedrayo naceu co obxectivo perpetuar e honrar a memoria deste egrexio intelectual grazas ós traballos que representan unha contribución á cultura galega. Organízao cada ano unha das catro deputacións galegas e nesta edición a organización recaeu na de Pontevedra. Ten unha dotación económica (16.000 euros) e as persoas candidatas son propostas por diferentes entidades. A candidatura da artista viguesa Menchu Lamas foi promovida pola Deputación de Pontevedra, mentres que a de Rosario Álvarez foi proposta pola escritora Fina Casalderrey en representación da Real Academia Galega.

O xurado estaba integrado por Carmela Silva e Fina Casalderrey (en representación da Real Academia Galega); o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (por delegación do conselleiro de Cultura da Xunta); Xurxo Couto (en representación da Deputación de A Coruña); Tareixa Ferreiro (representando á Deputación Lugo); Ana Patricia Torres (Deputación Ourense); Victoria Alonso (Deputación de Pontevedra); María do Mar Lorenzo (en representación da Universidade de Santiago); Alfonso Caride Losada (Universidade de Vigo); Manuel Ferreiro Fernández (Universidade de A Coruña); Pablo Otero Piñeyro (en representación Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento); Marcelino Agís Villaverde (designado pola Xunta); Jose Antonio Fraga Vázquez (designado pola Deputación de A Coruña); Xosé Miranda Ruiz (designado pola Deputación de Lugo); Luis González Tosar (designado pola Deputación de Ourense); Paula Cabaleiro (designada pola Deputación de Pontevedra) e o representante da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López. Como secretario do xurado actuou o da Deputación pontevedresa, Carlos Cuadrado Romay.

Recibiron este premio en anteriores ocasións Acisclo Manzano e Manuel Buciño (2016), Margarita Ledo Andión (2017), Antía Cal e María Xosé Queizán (2018), Francisco Martín Iglesias e D. Ramón Villares Paz (2019) e máis recentemente, en 2020, as Fundacións Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez e Castelao. Desde 1997 só cinco mulleres, incluídas Rosario Álvarez e Menchu Lamas, recibiron este recoñecemento.