NOTICIA

----

Unha xornada pon en valor o legado social e artístico de Manuel Moldes

O salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu na tarde deste xoves unha xornada que serviu para homenaxear a un dos referentes da arte galega contemporánea: Manuel Moldes (Pontevedra, 1949-2017). Carmen Díaz, viúva e presidenta da fundación que leva o seu nome, xunto con comisarios de exposicións, críticos e teóricos da arte e amigos, repasaron a súa traxectoria artística e humana. “Moldes na memoria” foi o título desta cita que puxo de manifesto a relevancia do seu legado, a relación da súa obra coa súa realidade xeográfica e social que lle tocou vivir así como o seu vínculo coa tradición galega. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o coordinador da Sección de Creación e Artes Visuais, Manuel Quintana Martelo, destacaron na inauguración a importancia deste tipo de encontros para contribuír ao coñecemento das figuras da plástica galega.

Manuel Moldes sentiuse sempre artista, pero non comezou a súa carreira profesional neste campo ata que iniciou a súa etapa universitaria. Con todo, a súa obra foi moi prolífica e pode verse nos principais centros de arte do país, desde o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Fundación Jove o Museo de Pontevedra ata na próxima sala de exposición da Fundación que levará o seu nome e que promove e preside a súa viúva, Carmen Díaz. Ela, xunto con Quintana Martelo e Miguel Fernández Cid, coordinadoron esta xornada que xuntou a profesionais do mundo artístico para reflexionar sobre a importancia do seu legado ao tempo que repasou a súa traxectoria. “Queremos homenaxear a súa memoria e reivindicado dentro do patrimonio artístico e cultural galego” afirmou Díaz na inauguración.

Os primeiros anos
“Se cadra a súa primeira etapa é a menos estudada e cómpre unha revisión máis fonda” asegura Carme referíndose a aqueles primeiros anos de universitario en Madrid, onde Moldes comezou a carreira de Enxeñería de Camiños, que deixou para estudar Arquitectura. Foi nese tempo onde traballou no taller de forxa da Escola de Artes e Oficios e entre 1968 e 1970 asistiu aos debates de temática artística sobre a abstracción e a nova xeración dirixidos por Gordillo e Pérez Villalta. Mariano Hernández de Ossorno foi o encargado de afondar nesta etapa que tivo un papel destacado xa que sentiu con forza a súa vocación artística e iniciou un camiño que o levou a forma parte da renovación impulsada desde Galicia.

Na súa primeira etapa as figuras gozan de gran definición e as cores manteñen un brillo que despois perderán. É un contexto no que a influencia do expresionismo é visible nas pinceladas rápidas e xestuais. Moldes interesouse nesta etapa polo expresionismo abstracto americano e a súa pintura figurativa comeza seguindo a influencia de Bacon. Máis tarde evoluciona nunha obra rica en referencias locais que combinan tradición e modernidade galegas.

Os anos 80
O segundo dos relatorios correu a cargo de Luis Francisco Pérez, crítico e teórico da arte contemporánea e comisario de exposicións, que pretendeu situar o sofisticado e cosmopolita expresionismo vernáculo de Manuel Moldes no panorama pictórico español dos 80. Nesa época as súas obras amosan visións atormentadas que xiran arredor dunha estabilidade onde se percibe a influencia de artistas como Picasso ou os franceses Ingres. Na segunda metade da década propón unha mirada á contorna galega, á súa paisaxe, arquitectura e xente. É nesta época cando se incorpora ao Grupo Atlántica, reactivador da arte galega, xunto a Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Francisco Leiro ou Francisco Mantecón, entre outros.

A pintura en Moldes como sentido histórico
Carlos L. Bernárdez ofreceu o último dos relatorios afondou na idea da pintura como vivencia e sentido histórico. Asegurou que “no tratamento da obra pode verse a relación de Moldes coa súa realidade vital e xeográfica como tamén a súa conexión coa tradición galega, nunha reformulación en clave modernizadora”. Bernárdez conectou o expresionismo dos anos oitenta e noventa coa tradición plástica galega, con certa tendencia barroquizante en series recoñecidas como “Vieiros”. Fixo un percorrido pola súa obra na que “hai evolución pero tamén hai constantes moi definidas como o seu compromiso social que desenvolve desde un punto de vista case antropolóxico”. Rematou a intervención coa alusión á ligazón co político-social e antropolóxico con obras recoñecidas como “A matanza do porco” (2003) que aborda o conflicto do Prestige e o da Guerra do golfo.

En modo conversa
Esta xornada continúa un formato de conversa e de diálogo que se iniciou en 2019 coa intención de establecer un espazo de reflexión sobre arte e creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadoras/es, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias. A primeira das citas comezou na primavera de 2019 cun debate arredor da formación do mundo artístico. Despois abordáronse novos espazos relacionados coa creación, a xestión, o coleccionismo, a dirección de museos ou fundacións, a filosofía, a docencia…, para poder ir así construíndo unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.

A Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Ademais, no marco da xornada anunciouse a vindeira cita que terá lugar o vindeiro día 23, analiza a relación entre a arte e a psicanálise.