O proxecto Voces Centenarias incorpora tres gravacións de Osorio Tafall

Bibiano F. Osorio-Tafall (Salceda, Pontevedra 1902- México 1990) foi unha destacada figura da sociedade galega que tivo tres vidas. A primeira como líder republicano de firme conviccións a autonomistas; a segunda coa activa participación durante a Guerra Civil e unha terceira no exilio forzado onde ocupou postos de alto funcionario das Nacións Unidas e da FAO. Estas facetas están presentes en diferente medida nas gravacións da nova entrega de Voces centenarias, un proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) que mensualmente achega a voz de destacadas figuras da cultura e sociedade galega.

A nova entrega do proxecto Voces centenarias pon a disposición da cidadanía tres gravacións que proceden da Colección Centro Galego de Bos Aires que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. A primeira delas é unha conferencia titulada "Las Naciones Unidas y la solidaridad universal", que data do 26 de xullo de 1957. É unha intervención que Osorio-Tafall realizou no Centro galego da capital arxentina sendo director rexional da FAO para o sector occidental de América Latina. Nela que debulla as liñas económicas precisas para acadar o desenvolvemento económico desa zona. A conferencia, que non está completa, forma parte das Xornadas Patrióticas Galegas de 1957. Desta cita tamén procede outra das conferencias desta entrega, que fala sobre os problemas da cultura galega no marco dun Coloquio no que participan distintos persoeiros da colectividade galega en Arxentina como Núñez Búa, Rafael Dieste ou Rodríguez de Valenzuela, entre outros.

O traballo científico de Osorio-Tafall abrangue a agronomía, a bioloxía mariña, a xenética vexetal e a hidrobioloxía, entre outros eidos. En todos eles as súas investigacións tiveron gran repercusión na comunidade científica. Cómpre destacar, pola importancia para a nosa economía, os estudos sobre a pataca e as súas enfermidades. Sobre estes asuntos fala na conferencia "El mar como fuente de materias primas", que impartiu en 1957 na Facultade de Ciencias Económicas de Bos Aires sobre os recursos pesqueiros de Arxentina: as áreas produtivas e a necesidade da súa conservación. Só se conserva un fragmento.

Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021 o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto “Voces centenarias”, unha inciativa para visiblizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración... que axudaron a perfilar o noso pasado pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto comezou a andar con gravacións de Filgueira Valverde, Rafael Dieste e Maruxa Boga.