NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega celebra o Día do Patrimonio cunha xornada e unha guía práctica

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou en 2021 28 Informes de Impacto Ambiental, 3 informes en materia de patrimonio e outros 5 para a declaración de Ben de Interese Cultural. Ademais, neste período detectouse un incremento de solicitudes de informes sobre afeccións ao patrimonio desde diferentes partes de Galicia. “Levamos anos detectando a necesidade da cidadanía de información, amparo e asesoramento sobre actuacións que afectan ao noso patrimonio” recoñece Rebeca Blanco-Rotea, responsable da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Por ese motivo, o CCG celebra o Día de Patrimonio con dúas accións encamiñadas a mellorar a xestión patrimonial e ofrecer á cidadanía recursos para poder atender as súas necesidades nesta materia. A primeira delas é a xornada “Novas perspectivas para o futuro do Patrimonio Cultural en Galicia” (Santiago, 15 e 16 de novembro) e a segunda é a presentación simultánea en Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña da Guía Práctica Foro Patrimonio e Sociedade.

A UNESCO estableceu o 16 de novembro como o Día do Patrimonio para chamar a atención sobre o seu coidado, protección e preservación. No ronsel desa proposta, o Consello da Cultura Galega presentará o vindeiro martes, e de maneira simultánea nas catro capitais galegas un documento fundamental para a xestión do patrimonio en Galicia. Trátase do Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade, un documento que xurdiu logo de tres anos de traballo por parte dunha trintena de especialistas nun proxecto coordinado por Rebeca Blanco-Rotea.

A presentación terá lugar ás 19:30 horas no Museo de San Antón na Coruña, no Museo Provincial de Pontevedra, no Museo Provincial de Lugo e na Biblioteca Municipal de Ourense. Todas as sedes estarán interconectadas por videoconferencia e contarán coa presenza de destacados profesionais que participaron na súa elaboración deste documento. A coordinadora da Sección de Patrimonio, Rebeca Blanco-Rotea, estará en Lugo xunto con Iago Seara; na Coruña estará Carlos Amoedo; en Pontevedra Teresa Nieto e en Ourense Beatriz Comendador. A proposta pretende explicar o aspecto común da guía para logo proceder á explicación de como esta pode atender ás necesidades concretas de cada provincia.

Esta guía, que non ten carácter vinculante, foi concibida como un documento aberto. Unha base sobre como abordar o labor de xestión e quere tamén servir de referencia sobre os retos que esta debe asumir e sobre as temáticas que preocupan a unha representación ampla de todos os sectores implicados. Ademais, trata de ofrecer algunhas orientacións sobre os posibles métodos de traballo en relación co patrimonio cultural. A guía está en formato dixital e dispoñible para descarga desde o web da institución.

A xornada
A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolle os días 15 e 16 de novembro a xornada titulada “Novas perspectivas para o futuro do Patrimonio Cultural en Galicia”. Esta cita está organizada no marco dun convenio asinado coa Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia e pretende ofrecer a profesionais e cidadanía coñecementos arredor de cuestións como o reparto de competencias en materia de patrimonio cultural, a protección legal e xurisprudencial ou o proceso de elaboración técnica da declaración dun Ben de Interese Cultural, entre outros asuntos. Conta coa participación de figuras como Dolores Rivera Frade, maxistrada e presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que falará da protección xurisprudencial do patrimonio cultural e responsabilidade patrimonial; de Elías López-Romero González de la Aleja, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía, profesor da UCM e investigador asociado no Incipit, CSIC para falar do cambio climático e o patrimonio cultural; ou as letradas Carmen Salgueiro e María Isabel Novo Castro, esta última coordinadora das xornadas.

A xornada está dirixida especialmente a todos os operadores técnicos e xurídicos vinculados ao campo do patrimonio cultural (arqueólogos, antropólogos, arquitectos, físicos, enxeñeiros, xuristas, etc.), xa sexan persoal empregado público das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, ou dos entes instrumentais da comunidade autónoma, das universidades do Sistema Universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.