NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega presenta simultaneamente nas catro provincias a Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade

O 16 de novembro celébrase o Día do Patrimonio, día instaurado pola UNESCO para chamar a atención sobre o seu coidado, protección e preservación. Co gallo da efeméride, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentará mañá de maneira simultánea (as 19:30 horas) en Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra a Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade. Trátase dun documento fundamental para a xestión do patrimonio en Galicia e que é resultado de tres anos de traballo por parte dunha trintena de especialistas coordinados pola investigadora Rebeca Blanco-Rotea. Ademais, este martes remata en Santiago de Compostela a xornada “Novas perspectivas para o futuro do patrimonio” coordinada por María Isabel Novo cunha sesión que analiza aspectos novidosos na lei, como a consideración da lingua e a toponimia como patrimonio inmaterial e o impacto da contaminación ambiental e lumínica sobre os bens. A cita ten as prazas cubertas pero pode seguirse en directo a través do web do CCG.

A presentación da Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade terá lugar ás 19:30 horas simultaneamente en catro espazos emblemáticos: o Museo de San Antón na Coruña, o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo e a Biblioteca Pública de Ourense-Nós. Todas as sedes estarán interconectadas por videoconferencia e en cada espazo participará unha persoa que contribuíu á elaboración deste documento. A coordinadora da Sección de Patrimonio, Rebeca Blanco-Rotea, estará en Lugo; na Coruña estará Carlos Amoedo; en Pontevedra Teresa Nieto e en Ourense Beatriz Comendador. A proposta pretende explicar o aspecto común da guía para logo proceder á exemplificación de como pode atender ás necesidades concretas de cada espazo.

Aínda que a guía non ten carácter vinculante, foi concibida como un documento aberto e que pretende ser unha base para abordar o labor de xestión patrimonial. Pretende servir de referencia sobre os retos que esta debe asumir e sobre as temáticas que preocupan a unha representación ampla de todos os sectores implicados. Ademais, trata de ofrecer algunhas orientacións sobre os posibles métodos de traballo en relación co patrimonio cultural. A guía está en formato dixital e dispoñible para descarga desde o sitio web do CCG.

A xornada
Na sede do CCG en Santiago de Compostela continuará a segunda sesión da xornada titulada “Novas perspectivas para o futuro do Patrimonio Cultural en Galicia”. A cita analiza o patrimonio cultural desde un punto de vista transversal e busca, en palabras da súa coordinadora, Isabel Novo Castro, entender o patrimonio “como un elemento integrador e non como un obstáculo”.

A sesión do martes atenderá ás cuestións máis novidosas da normativa galega en materia de patrimonio. Dunha banda fala sobre o recoñecemento da lingua e da toponimia como parte do patrimonio. Deste aspecto falarán o escritor Francisco Narla, que se centrará na mítica xacobea; o físico Jorge Mira, que analizará a dinámica e estabilidade da coexistencia das linguas galega e castelá; e Vicente Feijoo Alres, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada da Real Academia Galega, que atenderá á difusión do patrimonio toponímico. Despois, analizaráse a importancia da luz e o clima no patrimonio cultural. Salvador Bará Viñas, profesor titular da Área de Óptica do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) detallará como afecta a contaminación lumínica no patrimonio; mentres que Elías López Romero González de la Aleja, profesor da Umiversidade Complutense de Madrid (USCM) e investigador asociado no Incipit, CSIC, abordará a influencia do cambio climático nos diferentes bens.

Na primeira sesión a letrada Isabel Novo destacou que a lexislación galega en materia de patrimonio é moito máis transversal e integradora que outras normativas españolas. Incidiu na diferencia entre o recoñecemento da titularidade dun ben e a súa declaración de Ben de Interese Cultural. Na súa intervención, alén da explicación de aspectos derivados da explicación da lei apuntáronse casos concretos coma o Pazo de Meirás e apuntouse á problemática do Pazo de Reibó. Pola súa banda, Rebeca Blanco-Rotea falou da implementación de tecnoloxías nas intervencións arqueoloxía como ferramenta para optimizar e acelerar procesos e evitar sancións económicas das administracións motivadas polos retrasos neste tipo de actuacións.

Liña de acción
As accións deseñadas polo Consello da Cultura Galega con respecto ao Día do Patrimonio teñen un eminente carácter práctico e están pensadas para fornecer á cidadanía de ferramentas, recursos e información na xestión do patrimonio cultural. “Levamos anos detectando a necesidade da cidadanía de información, amparo e asesoramento sobre actuacións que afectan ao noso patrimonio” afirmou Rebeca Blanco-Rotea, responsable da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG. No que vai de ano o CCG realizou 28 Informes de Impacto Ambiental, 3 informes en materia de patrimonio e outros 5 para a declaración de Ben de Interese Cultural.