A biografía de Ernesto Guerra da Cal incorpórase ao Álbum de Galicia

Chamábase Ernesto Román Laureano Pérez Guerra (Ferrol, A Coruña, 1911 - Lisboa, 1994), asinou cos pseudónimos de D. C. Warnest, Raguer Caldas, Nestore D’Alguecarra, René C. du Regraastal, Ernst Krieg von Kalk ou Ernst Limewar pero foi recoñecido internacionalmente como Ernesto Guerra da Cal. Este ferrolá foi unha autoridade galeguista, hispanista e lusitanista nos campos científico e literario e, por mor do seu exilio nos Estados Unidos, contribuíu a proxectar internacionalmente a cultura galega. Joel R. Gômez asina a súa entrada no Álbum de Galicia.

Naceu en Ferrol pero pronto se trasladaría a Madrid a estudar Arquitectura, carreira que abandonou no segundo ano para estudar Letras. Na capital participou da vida cultural e iniciou contactos con Castelao e Suárez Picallo que influíron no seu pensamento político. Por iso, non é de estrañar que na Guerra Civil defendera a República. No ano 1938, xa casado con Margarita Ucelay, marchou a Nova Iorque como refuxiado político, onde forxou unha grande carreira. Foi docente e investigador na Columbia University, na New York University (1941-1964) e na City University of New York (1964-1977). Na súa longa carreira académica interveu en universidades, congresos e encontros en varios países, colaborou en enciclopedias e revistas de referencia. Pertenceu ás academias de ciencias de Nova York e de Lisboa e á Hispanic Society of America, entre outras sociedades de especialistas, e recibiu distincións e condecoracións nos EE.UU., Brasil e Portugal.

Foi un apaixonado lusitanista e destacou como o principal axente canonizador de Eça de Queirós e introduciu a Fernando Pessoa en países anglófonos e foi o primeiro tradutor da súa poesía portuguesa para o inglés. Alén diso tamén promoveu a internacionalización do neotrobadorismo galego-portugués e de Rosalía de Castro.

Foi un infatigable poeta, xénero que cultivou sobre todo trala súa xubilación en 1977. Nese momento fixa a súa residencia en Portugal e intensificou a relación co reintegracionismo. Desde os anos sesenta empregaba un código ortográfico próximo do portugués, unha opción que defendeu para a lingua galega nos coloquios internacionais de estudos luso-brasileiros de Baía (1959), Coimbra (1963) e Nova York e Harvard (1966; este último, coa implicación de Ramón Piñeiro, promoveu unha comisión internacional para tal fin). E desde 1986 presidiu a Comissão para a Integração da Galiza no Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa e xestionou a presenza de representacións galegas nos encontros de Brasil (1986) e Portugal (1990).

A súa entrada está acompañada de varios artigos, ligazóns e un audiovisual que axudan a entender a relevancia da súa figura así como o seu legado cultural.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.