Unha xornada analiza a violencia exercida polas institucións contra as mulleres

Cargas policiais abusivas, prexuízos nos procesos xudiciais, incumprimento de prazos obrigados… son moitas as formas de violencia que as institución exerceron sobre as mulleres desde a Transición. Sobre estes aspectos falarase mañá na xornada titulada “Violencia institucional” que organiza o Consello da Cultura(CCG), a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), a Valedora do Pobo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). A xornada coordinada por María Xosé Porteiro e Maríam Mariño é presencial, pero pode seguirse en directo a través do web da institución.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega leva un lustro organizando un ciclo de xornadas arredor do 25 de novembro (Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller) que busca visibilizar as diferentes formas de violencia de xénero que se exerceu e se exerce sobre as mulleres. Despois de abordar aspectos como a violencia sexual, o ciberacoso ou a violencia comparada, este ano pon os ollos na violencia institucional. Faino a través dos relatorios de tres investigadoras novas que describen a violencia exercida polas institucións no desenvolvemento da súa acción.

O programa
A historiadora Raquel Fernández falará sobre a violencia institucional contra o movemento feminista organizado en Galicia durante a Transición, máis concretamente entre o período que discorre entre 1976 e 1983. Céntrase na violencia menos cruenta, pero tamén a máis recorrente porque ten unha función desmovilizadora e coercitiva. Centrará o seu relatorio en falar da prohibición de actos públicos, das cargas policiais, detencións e sancións económicas e nas interevencións policíais desenvolvidas nestes anos.
Pola súa parte, a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Amara G. Adán, falará de como se constrúe unha forma de violencia nos procesos xudiciais que abordan casos de violación. O seu traballo, que foi Premio de Fin de Grao (TFG), amosa como están presentes os prexuízos na propia estructura interna xudicial e que afecta a toda a argumentación xurídica e que mesmo poden restar credibilidade ao testemuño dunha vítima de violencia sexual. Nesta mesma liña está tamén o relatorio de Sabela Pérez que afondará nas eivas existentes no sistema que reproduce a cultura machista no que está inserto e que perpetúa a vulneración dos dereitos das mulleres. No seu caso concreto, Sabela prestará atención á revitimización derivada dos mitos e estereotipos machistas reproducidos polos axentes que traballan nas mesmas, a insuficiente formación en xénero destes axentes e as consecuencias que a violencia machista institucional ocasiona sobre as mulleres.

A xornada é presencial, retransmítese en directo a través do web e das redes sociais da institución e serán gravados para futuras consultas.

Outras noticias que che poden interesar: