Unha monografía destaca o esplendor de Galicia no tempo de Afonso X

No día en que se cumpren 800 anos do nacemento de Afonso X (Toledo, 1221-Sevilla, 1284), o Consello da Cultura Galega presentou a monografía encamiñada a desmontar tópicos sobre a relación do monarca con Galicia e, sobre todo, para repensar o paradigma tradicional da historia de Galicia na Baixa Idade Media. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que o volume Galicia no tempo de Afonso X era un empeño da institución en achegar á sociedade unha contribución científica que permite “visibilizar o esplendor cultural da Galicia medieval”. Simon Doubleday, cunha intervención gravada, e José Miguel Andrade, incidiron en que o libro que editaron achega novas lecturas sobre un rei que “nunca pisou Galicia pero que si mantivo unha forte relación coa historia e a cultura galega”. A presentación contou tamén coa participación de dous autores como Henrique Monteagudo, que puxo de relevo o papel do galego no proxecto cultural do rei; e Diana Pelaz, que destacou o papel das mulleres reais neste período.

O volume pretende, da man de destacados especialistas de ámbitos diferentes como a lingua, a historia ou a arqueoloxía, poñer en tela de xuízo o declive político e cultural que tivo Galicia na Baixa Idade media e, nomeadamente no reinado de Afonso X. “O paradigma dominante nos estudos medievais considera que o ano 1230, é o do comezo da marxinación política de Galicia. É entón cando con Fernando III, pai do Sabio, se produce a unión dos reinos de Galicia-León e Castela. Unha marxinación que, sempre dentro desta visión tradicional, non faría mais que medrar na época de Afonso X, pero non é verdade” asegurou José Miguel de Andrade que editou este texto xunto con Simon Doubleday, un dos grandes expertos da Iberia Medieval e autor dunha recoñecida monografía sobre Afonso X.

Nove estudos poñen en evidencia o poder que tivo Galicia nese período. O territorio galego non estaba entre as preferencias persoais do rei. “Afonso X demostrou unha rotunda preferencia polo sur da Península e por Sevilla en particular” aseguran Simon e José Miguel na introdución pero hai moitos indicios que amosan que Galicia tamén tipo o seu papel. Primeiro porque a nobreza galega estivo moi implicada nas campañas militares na fronteira andalusí como no proceso de reorganización social e colonización; Galicia tamén estaba suxeita ao marco lexislativo afonsino co Espéculo, as Partidas e o Fuero Real, que se traduciron na creación de Portos de Galicia e burgos reais como o de Pontedeume; e moitos dos seu funcionarios eran galegos, o como propio Gómez García de Soutomaior. Con todo, a súa gran contribución para Galicia foi no ámbito cultural.

A importancia cultural
Afonso X foi un pioneiro na divulgación do coñecemento como forza tranformadora da sociedade, un punto de vista que lle ocasionou un enfrontamento coa sociedade estamental do seu tempo, é dicir, cos nobres e coa igrexa. Nesa liña de pensamento, a elección o idioma para a elaboración dos códices das Cantigas de Santa Maria xoga un papel moi destacado. “O uso do galego nas Cantigas no foi casual e hai que enmarcalo dentro dun proxecto político e cultural máis amplo que buscaba reforzar o papel da monarquía fronte a aristocracia e fronte a Igrexa” explicou o filólogo Henrique Monteagudo. Nas Cantigas o monarca presentouse como mediador entre os poderes celestiais, Deus, e a terra. Está escrito nas linguas romances, en galego, en castelán, cun afán de poder chegar á sociedade o que o que amosa xa unha posición antagónica coa Igrexa que ten o dominio do latín e da cultura escrita. “Ademais, o galego era a lingua de prestixio mesa época na lírica e para facer as Cantigas de santa María necesita botar man dun equipo de expertos que saiban rimar e compoñer e a maior parte eran galegos” engadiu Monteagudo.

Sobre o papel literario tamén afondou Ricardo Pichel, da Universidade de Alcalá, que estudou a recepción en Galicia do material historiográfico, haxiográfico e xurídico-lexislativo saído dos talleres afonsinos. Unha recepción que pervive e que evidencia que alén da lírica trobadoresca existiu unha vibrante obra escrita en galego nos séculos XIII ao XV. Completa o perfil Helena de Carlos, da USC, cunha pescuda nas antigüidades de Galicia na obra histórica afonsina, con perspectivas sobre a lenda de Xerión e Hércules en relación coa orixe mítica da cidade da Coruña.

Da comida ao poder real das mulleres
O volume permite coñecer a Galicia de Afonso X en sentido amplo cunha nómina de colaboradores moi variada e achega novas voces á historiografía. Nel hai perspectivas novidosas como a de Olalla López Costas, da Universidade de Santiago, que achega información desde arqueobiolóxica sobre o status económico de Pontevedra. Co estudo dos restos óseos descubriu que tiña unha rica dieta e diversa en produtos do mar e apunta ao o florecemento económico desta vila.

Diana Pelaz destacou a importancia das mulleres da familia real. “Tiñan axenda propia e exercían unha influencia cultural tanto nas artes decorativas como no desenvolvemento literario” apunta Pelaz. Con todo, tamén desenvolvían un papel destacado na diplomacia entre os diferentes reinos e axentes de poder, coa nobreza tanto laica como eclesiástica. “Actuaban como auténticas negociadoras e pacificadoras, con elevadas cotas de poder e responsabilidade” apuntou esta investigadora que tamén asegura que non eran figuras soltas xa que existe unha longa tradición de mulleres poderosas, interesantes e moi influíntes a nivel europeo. Seguindo coa temática, outra investigadora da USC, Rosa Rodríguez Porto, afonda cun estudo sobre as diferentes estratexias que, con respecto a Galicia, levaron a cabo o rei a súa muller, a raíña Violante. No seu artigo pon en evidencia que foi ela quen desenvolveu un auténtico exercicio de padroado rexinal. E maís aínda afondou Beatriz Vaquero, da Universidade de Vigo, sobre a fundación do gran convento de Santa Clara en Allariz, posiblemente o maior esforzo rexio na Galicia daquela altura.

Colofón a un ano de actividade
O Consello da Cultura Galega pon o ramo ás actividades de celebración do oitavo centenario do nacemento do Rei Sabio no día do seu natalicio con este volume de estudos. E tamén colabora co simposio Alfons X el Savi i la música, que organiza hoxe o Institut d’Estudis Medievals i de l’Arxiu Occità de la Universitat Autònoma de Barcelona. Un encontro busca afondar na dimensión musical de Afonso X e no que estudará a métrica, ao sistema de composición e oralidade, así como as funcións das cantigas no ritual litúrxico, entre outros asuntos.

O programa arrincou en xaneiro con Afonso X e Galicia, unha exposición comisariada por Antoni Rossell que buscaba dar a coñecer a conexión galega do monarca. A mostra presenta a faceta humana e o legado político e cultural do monarca en relación con Galicia. Despois de estar en Santiago e Ourense, a mostra inaugúrase este xoves en Lugo. Esta nova itinerancia inclúe un programa de visitas guiadas e un concerto coas Cantigas de Santa Maria como protagonistas. Neste ano editouse tamén o catálogo da mostra( galego, castelán e inglés); convocouse una game jam; reeditouse o disco Galicia e as Cantigas de Santa María de Antoni Rossell e G. Courtly Music Consort e organizouse unha xornada en San Simón sobre a música afonsina en Galicia.

Aínda que o programa de actividades deseñado conclúe coa presentación do volume, Afonso X e o seu legado está na axenda da institución para 2022, en que iniciará un proxecto de internacionalización da súa figura que levará a mostra por Italia e Brasil, entre outros países.

Outras noticias que che poden interesar: