O Consello da Cultura Galega leva a Lugo a mostra “Afonso X e Galicia”

Esta semana cumpríronse 800 anos do nacemento de Afonso X, unha figura destacada da cultura europea. Sobre o legado do monarca e a súa conexión con Galicia trata “Afonso X e Galicia”, proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e Lugo. Esta proposta chegou hoxe á Capela de Santa María de Lugo para amosar unha faceta pouco coñecida da súa figura e convidar a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; e da Deputación de Lugo, Mónica Freire, inauguraron esta mostra que estará aberta ata o 17 de abril. O comisario, Antoni Rossell, fixo un percorrido pola mostra que contará nas vindeiras semanas cun programa visitas guiadas e un concerto.
Imaxe do evento

Na inauguración, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, fixo fincapé no vínculo especial que Galicia tivo con Europa na época medieval grazas ao Camiño de Santiago e que a exposición pretende poñer de manifesto. Pola súa parte, o director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación, agradeceu que “Lugo fose incluída na itinerancia da exposición que, valorou, supón tamén un recoñemento ao traballo de recuperación do patrimonio musical medieval que se ven facendo desde o Centrad”.

A proposta expositiva
A primeira das partes busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana. A segunda está orientada a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. Despois, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos.

A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa Maria están presentes na mostra cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que están instalados en toda a mostra diferentes códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

O proxecto político e cultural de Afonso X
A mostra presenta tamén as grandes contradicións do Rei Sabio desde os seus grandes logros culturais, pero tamén os seus fracasos e contradicións. “Soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo” explica o comisario Antoni Rossell. Por iso, nesta mostra pode verse a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María, o que lle ocasionou un grave conflito co cabido compostelá que non vía con bos ollos este culto. Ademais tamén se deixa ver a importancia da lingua no seu proxecto. “Emprega a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural” explicou Rossell. Por iso, na mostra tamén se afonda na visión de universalidade do monarca no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. “Un pensamento moi anovador para aqueles tempos” apuntou o comisario.

De roteiros a concertos: o programa lucense
Antoni Rossell explicou na visita guiada que a exposición está presentada como unha proposta patrimonial, de tal xeito que a visita pola mesma convide a visitar legado relacionado co monarca en forma de documentos, pezas, esculturas, moeda, xoias e outros formatos que están espalladas pola xeografía galega. De feito, de maneira complementaria á exposición, deseñáronse dous roteiros que percorren a provincia de Lugo. Estes itinerarios poden consultarse no web da exposición, un espazo que contén tamén textos recitados, música, informacións, as entrevistas da exposición e un audiovisual de 15 minutos de duración.
O vindeiro 2 de decembro está programado un concerto a cargo de Arts Combinatoria que leva por título “Cantigas de Santa María. Milagres da Virxe na corte de Afonso X o Sabio”. Terá lugar na centrAD e este grupo de música antiga ofrecerá un concerto que ten no seu programa unha selección de das cantigas sa, a obra lírica máis importante da música monódica medieval.

Ademais, outra das propostas programadas ao fío da exposición é unha serie de visitas guiadas á colección de instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros. Son visitas de dous tipos, unha pensadas para estudantes e público en xeral e outra para profesionais, que se realizarán baixo demanda e con cita previa.