Os encontros para a Normalización Lingüística recomendan promover o galego mais alá do ámbito familiar

Os datos apuntan que esmorece a socialización en galego na infancia. Sábese tamén que a familia non é suficiente para garantir a continuidade da lingua. Con esa realidade, cómpre que se empregue e transmita tamén noutros contextos coma o social e o escolar. Por iso, nas conclusións dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Socioligüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), apuntan á necesidade de incentivar o uso do galego en actividades como comedores, actividades extraescolares, viaxes educativas, programa de madrugadores, entre outros aspectos do eido escolar, ademais de reforzar os contidos de lecer. O documento xa está dispoñible para descarga no web do CCG.

“En contextos sociolingüísticos como o galego, a transmisión da lingua no núcleo familiar non é condición suficiente para garantir o obxectivo da continuidade xeracional. Cómpre que se empregue e se transmita tamén nos outros contextos que rodean os nenos e nenas, que son fundamentalmente o escolar e o social”. Esta é a realidade que se deduce a partir das intervencións (telemáticas e presenciais) dunha ducia de expertos que participaron no encontro que se desenvolveu no Consello da Cultura Galega os días 25 e 26 de outubro (de maneira telemática) e 4 de novembro (presencial). Estaba coordinada por Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Xusto A. Rodríguez Río, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez e Marta Souto González e levaba por título “Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega”. Nela intercambiaron información, datos, experiencias e recursos arredor da perda da transmisión entre xeracións. Ao fío das intervencións presentaron un documento de conclusións que xa está dispoñible no web da institución.

As medidas propostas
Nelas propoñen unha serie de medidas que “deberían ser tomadas en consideración de cara a fortalecer o proceso de socialización en lingua galega da infancia”. A primeira está dirixida ás administracións para que convertan a rede escolar de titularidade pública nun axente activo de socialización en galego e piden que “o galego sexa a lingua principal do profesorado no período 0-6 anos e reimplantando programas voluntarios de ensino en galego”. Argumentan que eses espazos que xa existiron no ámbito privado e que hai iniciativas privadas que se están a desenvolver con éxito. Ademais, “cómpre facer chegar ás familias as evidencias dispoñibles sobre as vantaxes cognitivas do plurilingüismo, e a realidade de que o galego só estará no repertorio plurilingüe dos falantes se se parte del como substrato sobre o que engadir os demais idiomas. Entre as conclusións destaca a necesidade de “promover a creación e a difusión de recursos e contidos para o lecer, tanto individual coma social, en galego; nomeadamente, todos os que teñen que ver co mundo audiovisual e coas redes sociais.”

Apoiar os esforzos da familias galegofalantes, favorecer o crecemento e a viabilidade dos proxectos empresariais, promover a inclusión do galego nas actividades de lecer, e colaborar coas ANPA para desenvolver o galego son outras das medidas propostas.

Outras noticias que che poden interesar