O Repertorio da Prensa da Emigración Galega incorpora unha nova cabeceira

O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega 14 novos números. Conforman os fondos do Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía que foron doados polo historiador, antropólogo e xestor cultural, Manuel Vilar Álvarez.

O Repertorio da Emigración Galega incorpora esta mes unha nova publicación. Trátase do boletín da Sociedad Agraria y Cultural de los residentes del Distrito de Mugía en Arxentina. Entre os seus cometidos figuraba informar aos seus socios do labor desenvolvido pola Comisión Directiva. A publicaciou comezou en 1923 pero despois de editar tres números tivo un parón debido a problemas de financiamento. Retomou a en 1928 cos ingresos obtidos pola publicidade de numerosos negocios de muxiáns residentes na capital arxentina.

Ademais de informar das actividades sociais (celebración das festas patronais, festivais, comidas campestres, axudas aos socios necesitados etc.), dedica moitas das súas páxinas a tratar o tema da educación no concello natal. Consideraban a cultura e a educación como prioritaria para o desenvolvemento da súa terra e mandan axudas ás escolas das parroquias de Muxía, moi abandonadas polo Estado. Publica cartas e artigos dos mestres e anuncia a recollida de fondos dende América que se enviarán para o mantemento dos edificios escolares, a compra de materiais e mobiliario ou os premios ao alumnado. Tamén hai colaboracións e artigos de temática agrarista, como a de Juan Rof Codina, analizando o problema agrario e gandeiro galego e achegando pautas para a súa modernización.

Conta cunha ampla sección de "Ecos de Sociedad", onde aparecen os nacementos dos fillos dos socios, bautizos, compromisos matrimoniais e casamentos, tanto en Arxentina como en Muxía, viaxes dos socios a Galicia, falecementos de socios ou familiares etc. Aparece unha relación das diferentes directivas e comisións encargadas de levar a cabo as finalidades dos seus estatutos e unha nómina de todos os socios por parroquias. Tamén recolle informacións do distrito de Muxía e numerosas colaboracións literarias e artigos de temática variada sobre Galicia.

A Sociedad Agraria y Cultural de los residentes del Distrito de Mugía en Arxentina foi fundada o 30 de xaneiro de 1923 por un grupo de exsocios, naturais de Muxía, da sociedade ABC del Partido Judicial de Corcubión, descontentos co seu funcionamento. Nas páxinas do boletín hai numerosas referencias á ABC e ás disensións que teñen ambas as dúas asociacións, rexeitando a súa posible fusión.