----

Antón Tovar centra unha nova entrega do proxecto Voces Centenarias

Antón Tovar (Rairiz de Veiga, 1921-Ourense, 2004) foi o poeta da autenticidade atormentada e do inconformismo. A súa figura está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX pero a escasa difusión da súa obra estivo marcada pola súa militancia comunista e a súa querenza polo individualismo e a soidade. A nova entrega de Voces centenarias, un proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) achega tres cortes sonoros que condensan a súa poética.

As tres gravacións que conforman esta nova entrega do proxecto Voces Centenarias que ofrecen a voz de Antón Tovar proceden do fondo de Radio Nacional de España (RNE) que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. O primeiro dos cortes é de 1968 e procede do programa “Poetas de Galicia” presentado por Lita Iglesias e Andrés Rey. É unha entrevista na que Tovar explica que a poesía significaba para el toda a súa vida e expresa a frustración vital del e da súa xeración. Confesa que a súa vocación poética “foi tardía e moito máis tardía a publicación”. Remata cun recitado do propio autor do seu poema “Non”, publicado en 1967 no libro homónimo.
Outro dos cortes contén o recitado de tres poemas, “Outro”, “Alegría” e “Deume a risa”. Proceden do Programa Nós e nel pódese apreciar a súa tristura ontolóxica, o seu pesimismo, a súa visión do mundo como espazo hostil e a súa ollada melancólica aparecen nestes versos pero cun aquel de retranca metafísica.

O terceiro dos fragmentos é outra entrevista que Horacio Caneiro lle fai a Tovar co gallo do Día das Letras de 1985, adicado a Antón Losada Diéguez. Nel reflexiona sobre a importancia desta conmemoración e fai unha defensa apaixonada do uso da lingua e da literatura galegas.

Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021 o Consello da Cultura Galega(CCG) puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración... que axudaron a perfilar o noso pasado pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto comezou a andar con gravacións de Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga e Osorio Tafall.