NOTICIA

----

Un informe urxe unha moratoria na autorización de parques eólicos para revisar o Plan sectorial eólico

En Galicia existen 176 parques eólicos, cunha potencia de 3.867 megavatios e que están situados en 121 dos 313 concellos. Aínda que non existe un rexistro público oficial, estímase que está en trámite a concesión de 275 parques, que sumarían 7.200 megavatios, o que dá conta da súa dimensión. Os proxectos dos novos parques están a suscitar un gran debate social polo seu impacto no patrimonio e na paisaxe, o que motivou que entre 2020 e 2021 varios colectivos, diferentes administracións e outras entidades se dirixisen ao Consello da Cultura Galega (CCG). Por ese motivo, a institución creou unha comisión de seis expertos, coordinados por Rebeca Blanco-Rotea, que elaborou o informe Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia. Foi presentando en rolda de prensa esta mañá pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do informe, Rebeca Blanco-Rotea, e pide, entre outras medidas, “solicitar unha moratoria na autorización dos parques para poder revisar o Plan sectorial eólico de Galicia e o seu sometemento a avaliación ambiental estratéxica”.

O Consello da Cultura Galega valora positivamente a implantación da enerxía renovable para Galicia, porén “a maneira en que se está desenvolvendo resulta negativa para ámbitos da nosa sociedade tan sobranceiros como a cultura e incluso a economía, xa que afecta ás paisaxes, ao medio ambiente e ao patrimonio”. Por iso, o informe pide, en primeira instancia, a revisión do actual Plan sectorial eólico de Galicia (creado en 1997) para que se someta a unha avaliación ambiental estratéxica que teña en conta: as Directrices da paisaxe, a protección do valores culturais do territorio (fixados por outra lei, a de patrimonio cultural) e atender aos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura. E para poder facer esa revisión, o informe asegura que urxe solicitar unha moratoria na autorización de parques, tanto os xa en trámite como nas novas solicitudes, para corrixir eivas. Sustenta a súa afirmación en dous principios ambientais que deben ser sinalados como xustificación xurídica desta proposta: o principio de precaución, é dicir, perigo de dano grave ou irreversible sobre os espazos; e o principio de non regresión ambiental, que implica unha rebaixa dos niveis de protección ambiental existentes.

O informe, realizado no marco das competencias do CCG como ente consultivo, foi elaborado por unha comisión técnica temporal creada para o efecto, que estaba coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e integrada polo xurista Carlos Amoedo Souto, o arqueólogo David Barreiro Martínez, a arquitecta Teresa Nieto Freire, o xeógrafo Augusto Pérez Alberti, o economista Xavier Simón e o arqueólogo Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez. Ademais, na rolda apuntouse que a institución está disposta a debater e colaborar para conciliar o interese da enerxías renovables e a salvagarda do patrimonio cultural.

O texto considera que a instalación dos parques eólicos supera a capacidade de carga do sistema natural, que racha coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes. Por eses motivos tamén insta a salvagardar lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica.

Entre as medidas destacadas que solicita o informe está a necesidade de ampliar e definir con precisión o espazo relativo á Rede Natura. Só o 12% do territorio galego está recoñecido como Rede Natura, moi por debaixo da media de España, que se sitúa no 27% do territorio. Ademais, o informe apunta que a ampliación da rede está paralizada desde.

As causas do conflito
O informe tamén se adentra na orixe do conflito social que está por detrás destas actuacións. Explica que o crecemento actual de peticións de solicitudes de parques eólicos se produce desde 2018 por cambios de ámbito regulatorio. O primeiro deles foi a lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que apuntou o camiño da liberalización do sistema, ao eliminar calquera trazo de competitividade entre promotores. Con esta lei, “Desaparecen as convocatorias anuais de potencia para instalar, esfúmanse os criterios sociais e económicos como determinantes para a decisión de a quen asignar nova potencia e deséñase un mecanismo liberalizador que garante o inicio do procedemento administrativo de admisión e autorización sen necesidade de ofrecer ningunha contrapartida socioeconómica á sociedade galega”.

O segundo foi a Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece excepción ás áreas incluídas no Plan sectorial eólico. Iso implicou, segundo o informe, “que desde este momento todas as terras rústicas de Galicia sobre as que non exista figura de protección ambiental poderán albergar parques eólicos”. Esa lei só tivo en conta a idoneidade das localizacións desde o punto de vista eólico e non as de carácter paisaxístico nin os valores relacionados co patrimonio cultural e natural. Por tanto, mantén o documento, “non adapta as directivas europeas de impacto ambiental” e, ademais, elimina o informe preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O texto recorda que unha gran cantidade de patrimonio cultural do país está en solo rústico, permanece oculto e, por tanto, non está incorporado en ningún dos inventarios ou instrumentos de protección que recoñece a Lei do patrimonio e, ao non existir informe específico, corre risco de desaparición.