A biografía Federico Mediante, escritor de novelas populares, incorpórase ao Álbum de Galicia

Arxentina e España son os eixes de coordenadas de Federico Mediante (Abres (A Veiga, Asturias), 1888 - Madrid, 1951), un prolífico escritor de novelas populares coñecido como o Salgari español. A súa entrada, que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, está asinada por Ana Rosa Martínez Loredo.

Naceu na parroquia asturiana de Abres pero seu avó materno, Benito Noceda, fora capitán dun barco de vela que facía rutas entre Ribadeo e Castropol, partindo da ría galega do Eo ata Avilés, Luarca e Xixón o que lle fixo sentirse de sempre galego. Con catorce anos cruzou o Atlántico e instalouse en Arxentina, país no que desenvolvería unha parte importante da súa vida con numerosas voltas a España. Con dezanove volve a Oviedo onde ingresou como voluntario no rexemento de infantería do Príncipe en Oviedo, co que participou na guerra de Melilla. Alí foi tomado prisioneiro en Mezquita de Ibrahim. Unha vez rescatado, e para recuperar forzas, retornou á súa aldea natal onde traballou no campo e tamén ampliou os seus estudos, sempre coa ansia de viaxar e percorrer mundo.
De volta a Arxentina inicia unha carreira como xornalista, con diferentes postos en numerosos xornais, desde colaborador (El Argentino de Mercedes), xefe de redacción (El Comercio da provincia de Santa Fe), ou fundador (xornal La Tarde na cidade de Corrientes). Unha colaboración que tivo lugar tanto nas publicacións da colectividade galega emigrada (Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, Heraldo de Galicia da Habana ou El Correo de Galicia de Bos Aires) como en xornais galegos (El Compostelano e El Regional de Lugo)
Home inquedo e polifacético, foi tamén actor nunha compañía teatral coa que percorreu non só gran parte da Arxentina, senón tamén Bolivia, Perú e Chile. Unha afección que continuaría na compañía Greco-Beroldo, onde se especializou na montaxe de espectáculos de variedades, sainetes, dramas e comedias.
Casou con Horentina Acosta Waytorn, Tina, coa que volveu a España en 1926. Nesa viaxe gastaron todos os aforros, polo que Federico se viu na obriga de buscar un emprego. A súa experiencia como actor e a súa vida aventureira facilitáronlle o desempeño deste traballo, converténdose nun popular “explicador cinematográfico”, figura descoñecida do cinema de principios do século pasado que consistía en explicar as películas mudas durante as proxeccións.
A Guerra Civil sorprendeuno en Ribadeo, onde residía o seu irmán José, onde quedou por medo ás represalias pola súa defensa da República. Distanciado da súa muller, que quedara soa no seu piso en Madrid, refuxiouse na literatura. Escribiu Versos de la ausencia a mi querida esposa, xunto con relatos das súas viaxes e foi así como publicou o seu primeiro libro de aventuras titulado A orillas del Pilcomayo; tamén traballou para o xornal Las Riberas del Eo. Ao final da guerra, grazas á carta de recomendación do seu director, puido regresar a Madrid xunto á súa muller.
Durante a súa estancia en Ribadeo coñeceu a unha nai solteira que non se podía facer cargo da súa filla de seis anos, M.ª de la Concepción Loredo Peña, e o matrimonio decidiu acollela como filla de crianza e adoptala. Así formaron unha familia.

De volta na capital retomou o seu traballo no Cine de la Flor, sen esquecer a súa actividade literaria. Na entrada, explica que lle gustaba escribir de noite, cando volvía do cine; deixaba o texto á vista de Horentina, para que á mañá seguinte o puidese ler e —de ser necesario— facer correccións. Nese momento eran moi populares as novelas de aventuras e policiais inglesas, das había unha gran demanda entre o público. A pedimento das editoriais coas que traballou (Editorial Rollán, Iris, Cisne ou Argos) adoptou diferentes alcumes para as súas novelas: H. A. Waytorn (como homenaxe á súa muller), Fred Baxter, Norman Lincoln, Walter Brown, Hendrix Keyne, Spencer Scott, J. Medhel, Bill O'Hara, Boris King, King Drake ou Warner Williams. Visitando o catálogo da Biblioteca Nacional Española pódense atopar moitas delas nos seus fondos.

Morreu dun cancro de larinxe provocado pola súa adicción a fumar en pipa. Á súa morte, Horentina decidiu volver á Arxentina coa súa filla.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.