“A poboación galega ten unha boa disposición a regalar contidos culturais para a rapazada” explica o informe que cuantifica ese interese nun 7,9 sobre 10. O Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega tamén indica que a vontade para agasallar eses mesmos produtos en lingua galega se reduce tres décimas, para situarse en 7,6 puntos. Esa baixada débese, segundo o Observatorio, a que hai un pequeno conxunto de persoas, un 6,2% da poboación, “que non ten ningún interese en facer este tipo de regalos se son especificamente en galego”.
O estudo tamén apunta que aqueles fogares que teñen un maior grado de equipamento, maior nivel de ingresos e nivel de estudos amosan unha actitude positiva para regalar contidos culturais a menores de 16 anos, con indepencia da lingua do produto. Esta tendencia tamén é maior as persoas que viven con menores de 16 anos.
Aínda que a tendencia xeral é que as mulleres amosan unha maior intención a regalar produtos culturais, esa intención é menor (catro décimas) se eses produtos están en galego.
As persoas sen estudos, as desempregadas e aquelas que se dedican a labores do fogar son tamén as que teñen unha menor disposición a agasallar con produtos culturais en lingua galega. “Como pode resultar lóxico, asegura o informe, a distancia tamén crece conforme aumenta a presenza do castelán na lingua habitual e na lingua que se lle fala aos fillos”.
Malia a tendencia xeral a ter unha pequena maior preferencia por regalar algún tipo de produto cultural en xeral que especificamente en galego, sos os máis novos, os estudantes e aquelas persoas que xa lles falan galego aos seus descendentes, os que rachan con esa norma.
Avance dun resultado máis amplo
Estes datos son unha pequena exportación dun estudo moito máis amplo que o Observatorio da Cultura Galega fará público a principios de 2022 e no que amosará os hábitos culturais da infancia en Galicia e a percepción que ten a poboación da oferta de produtos culturais para menores de 16 anos. Este informe insírese nunha liña de traballo da institución de atender a todas as formas de igualdade e de inclusión tendo en conta a idade, o xénero, o territorio ou o hábitat.