----

A presidenta do Consello da Cultura Galega participa na Reunión Anual de Directores do Instituto Cervantes

San Sebastián acolle ata o vindeiro xoves a reunión anual de directores do instituto Cervantes, un encontro en que abordarán os retos desa entidae para o vindeiro ano. Entre eles figura o apoio á diversidade e a pluralidade de linguas e culturas de España. No marco desta cita hoxe está programada unha sesión de traballo na que participan os responsables do Consello da Cultura Galega, do Etxepare Euskal Institutua e do Instituto Ramón LLull.

A Reunión Anual de Directores do Instituto Cervantes comezou este luns coa inauguración a cargo da Raíña; o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares; o director do Cervantes, Luis García Montero, e o conselleiro de Cultura e voceiro do Goberno Vasco, Bingen Zupiria. No encontro abordaranse cuestións como o proceso de transformación dixital, as repercusións da pandemia, as distintas modalidades de ensino de español (presenciais e en liña), ou a extensión da institución en áreas estratéxicas como Estados Unidos, Asia o África subsahariana. Ademais, na inauguración García Montero volveu facer fincapé nunha das liñas de traballo da institución que dirixe na que fai unha defensa das linguas cooficiais. “asumimos a diversidade lingüística como unha riqueza, asumimos o orgullo democrático dun país que defende a súa pluralidade lingüística con vontade de entendemento” asegurou.

No marco desa idea de respecto á diversidade e á pluralidade de linguas e culturas de España, o director de Cervantes destacou que máis de sete mil actividades culturais celebradas no último curso académico, máis dun millar están relacionadas coas linguas cooficiais. Nese sentido, hoxe está programada unha sesión de traballo coas presentacións dos instituto de cultura. Irene Larraza falará do Etxepare Euskal Institutua; Pere Almeda do Institut Ramon Llull e Rosario Álvarez, do Consello da Cultura Galega.

A presidenta, Rosario Álvarez, detallará as liñas de acción que realizará a institución, así como indicar as actividades máis destacadas que o CCG prepara para 2022 no marco da acción exterior. Entre elas, a presentación institucional que terá lugar no vindeiro trimestre en Bruxelas así como a itinerancia por Italia e Brasil da exposición Afonso X e Galicia.

Antecedentes
En maio de 2020 os responsables do Instituto Cervantes, Etxhepare Euskal Institutua e Ramon LLull asinaron o primeiro acordo de colaboración conxunto para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. O acordo tiña unha vixencia de catro anos prorrogables e establecía un marco de cooperación para participar en accións comúns que promovan a diversidade lingüística. A celebración do Día Europeo das Linguas en Nápoles, a colaboración na convocatoria dunha Residencia de Tradución poética son algúns dos exemplos derivados dese acordo.