O proxecto Roteiros suma unha nova proposta cun percorrido pola Habana vella

Do porto ao Palacio do Centro Galego da Habana e polo medio, o Diario de La Marina ou o cruceiro galego chantado do Centro Histórico da Habana Vella. O proxecto Roteiros, iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG), cruza o Atlántico para ofrecer un percorrido, deseñado por Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana, que pretende ser unha homenaxe ao pobo galego na diáspora.

“Pra'Habana me vou” é o novo itinerario do proxecto Roteiros que pretende ser unha homenaxe ao pobo galego na diáspora, a través de lugares e edificios que permiten recoñecer a memoria da pegada galega na capital cubana. O percorrido arrinca na Aduana do porto, lugar ao que chegaban diariamente barcos procedentes de Europa. O itinerario recolle a Triscornia, un campamento para emigrantes nos que pasaban a corentena os máis desfavorecidos e que permanece na memoria do lugar nas palabras curricán, achantado ou a rente.

A placa de homenaxe de Rosalía de castro, sita na fachada do restaurante Jardín de Oriente, conmemora o centenario do himno galego, interpretado no Gran Teatro da Habana o 27 de decembro de 1907. Desde aí, o roteiro fai parada no edficio Casteleiro e Vizoso que foi a sede da ferraxaría máis importante de Cuba, un exemplo de emigrantes que fixeron fortuna e que, ademais, promoveron escolas en chan galego deixando tras de si un fondo legado.

O Hotel Ambos Mundos, o Café Europa, a Rúa Compostela ou a Libraría a Moderna Poesía son outras das paradas deste roteiro pola memoria histórica de Galicia que permanece en Cuba. A proposta remata no Palacio do Gran Centro Galego da Habana, hoxe rebautizado como Gran Teatro “Alicia Alonso”, sede do Ballet Nacional e no que aínda seguen radicando a Sociedade de Beneficencia Naturais de Galicia.

O proxecto Roteiros
En xaneiro de 2009 comezou a andar o Proxecto Roteiros do Consello da Cultura Galega. Trátase dunha iniciativa que pretendía conciliar cultura letrada e novas tecnoloxías para difundir itinerarios culturais polo país. Comezaron con tres itinerarios dedicado a tres figuras clave do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

Desde entón o proxecto foi medrando e conta cunha trintena de propostas de itinerarios que seguen a vida e obra de figuras importantes da cultura galega como Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro; ou fenómenos importantes como unha visita pola pegada da emigración en Ribadeo ou Ares; ou ao legado do reinado de Afonso X no noso país.