NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe a Asociación Cultural Val de Láncara

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu a nova directiva da Asociación Cultural val de Láncara. No encontro abordaron diferentes posibilidades de colaboración, entre elas, que a sede do CCG acolla a presentación da vindeira convocatoria do premio Ramón Piñeiro Facer País que concede esta asociación.
A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe a Asociación Cultural Val de Láncara

Na xuntanza abordáronse outras posibilidades de actuación conxunta relacionadas cos ámbitos de traballo de ambas as dúas entidades e que se concretarán nos próximos meses nunha itinerancia dunha das exposición do CCG, e un roteiro. Esta colaboración encaixa nunha liña de acción do CCG de tecer lazos con outras entidades, de atender á cohesión do territorio por mor da dispersión do seu hábitat así como fortalecer o tecido cultural galego.

Premio Facer país
O premio Facer Pais naceu no 2002 co fin de recoñecer ás persoas, grupos, institucións e colectivos que traballan a prol da cultura de Galicia. Na edición pasada, a número 19 os premiados foi para Luar na Lubre. Foron galardoados con este premio, sen dotación económica, personaxes coma Xosé Neira Vilas, Marica Campo, Agustín Fernández Paz, Margarita Ledo, Isaac Díaz Pardo ou Luís Tosar, entre outros.