NOTICIA

----

Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía de Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, Lugo, 1913 - Vigo, 2010) foi un destacado intelectual e activista político. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros e Alevín e marcou a cultura e política galega durante décadas. María Dolores Villanueva asina a súa biografía, que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.

Na súa entrada destácanse aspectos biográficos como que adoitaba dicir que era un “regalo adiado de Deus” xa que naceu mañá do 7 de xaneiro de 1913. Marcado polos estudos cos frades laurentinos e pola súa amizade con Álvaro Cunqueiro, comeza a estudar Dereito en Madrid. Foi alí onde, da man da lectura do texto de Risco, Teoría do nacionalismo galego, se forxou o seu compromiso político. Acabou a carreira en Santiago, e inicia uns anos marcados por unha actividade constante tanto no ámbito político como no cultural que se estenderon ata a súa morte.

Na biografía conta avatares da súa vida destacados como o episodio que se produciu en 1936 cando salvou a vida ao vestir o uniforme das tropas franquistas. Destaca tamén que foi depurado e inhabilitado que o obrigou a instalar a súa residencia en Vigo, cidade na que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional e vital posterior.

O seu casamento, o seu papel na constitución do Día das Letras Galegas, na segunda etapa de Grial, na coordinación dos programas Galicia desde Londres emitidos semanalmente en galego pola BBC, así como o seu vínculo cos proxectos e institucións culturais de Galicia, están explicados na súa biografía. Ademais, a entrada compleméntase con abondoso material que axuda a contextualizar e a comprender mellor a relevancia da súa figura con videos, audios, materiais, epístolas e publicacións.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.