NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e Xunta reforzan a colaboración en materia de igualdade e violencia de xénero

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinaron este mércores un acordo de colaboración que permitirá a realización de accións divulgativas encamiñadas a un mellor coñecemento da diversidade sexual, a eliminación da violencia de xénero, e a visibilización de filósofas galegas destacadas. A primeira das actividades na que se concreta este acordo é unha mostra didáctica arredor do movemento LGTBIQ+ que estará lista en xuño de 2022. No acto tamén estiveron presentes, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e, pola parte do CCG, María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) e Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento.

“Con este acordo reforzamos a colaboración institucional para contribuír a un mellor coñecemento realidade no que ten que ver coa diversidade sexual e de xénero, ao tempo que potenciamos a visibilización de mulleres destacadas no campo da cultura e contribuímos á eliminación da discriminación por mor de xénero” explicou Rosario Álvarez trala sinatura do acordo. Pola súa banda, a Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana destacou que supón “un paso máis na moi necesaria visión integral e actuación conxunta que debemos adoptar no eido da loita contra a violencia de xénero e en prol da igualdade”.

O acordo asinado esta mañá ten unha dotación económica de 22.000 euros e busca realizar accións conxuntas nestes ámbitos de actuación que comparten a Consellería, a través da secretaría xeral de igualdade e o Consello da Cultura Galega a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo e a Sección de Pensamento. O acordo está centrado en tres liñas de actuación: a diversidade sexual, a eliminación da violencia de xénero e a visibilización de mulleres destacadas do ámbito do pensamento.

As accións
A primeira das acción concrétase nunha exposición que pretende achegar unha reflexión sobre os conceptos básicos do movemento LGTBIQ+. A mostra, de carácter informativo, pretende facer historia e contar as reivindicacións deste movemento nas últimas décadas e os logros conseguidos. O cometido final desta mostra é buscar a concienciación nas persoas máis novas que en moitas ocasións descoñecen a traxectoria do propio movemento LGBTIQ+. Enrique de la Torre e Daniela Erranz son os comisarios deste proxecto que se inaugurará en xuño deste ano.
Outra das accións é a elaboración dunha Guía-Itinerario de carácter informativo destinada a mulleres que queren denunciar unha situación de violencia de xénero ou solicitar algún tipo de axuda nesta materia. Tal e como explicou María Xosé Porteiro, directora do CDIF, estará dispoñible no mes de novembro e está a ser elaborada por un equipo de vinte profesionais de ámbitos que van desde a sanidade (atención primaria, psicoloxía, pediatría....), xustiza (xulgados, asistentes sociais....), ata a comunicación. “É a primeira vez que existe unha guía completa para a muller para que coñeza todo o proceso” explicou a conselleira.

A terceira das accións é a realización dun proxecto audiovisual titulado “As filósofas”. Consiste nunha serie de vídeos divulgativos encamiñados a visibilizar a figura de filósofas destacadas que se encadrará no marco da segunda edición do Festival de Filosofía . Un certame que organizará a Sección de Pensamento do CCG no mes de setembro. O proxecto, que explicou Carme Adán, pretende fornecer de materiais audiovisuais a público xeral pero tamén materiais para as ámbito educativo.

Un chanzo máis nun camiño continuado
O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Emprego e Igualdade comparten unha preocupación pola promoción da Igualdade e a eliminación da discriminación entre mulleres e homes. O acordo asinado hoxe é outro máis nunha liña de colaboracións que van desde publicacións como a editada en 2021 a propósito de Jimena Fernández de la Vega, co fin de dar a coñecer o traballo de científicas galegas destacadas; ou o realizado en 2017 que baixo o título, “A muller na cultura galega: condicións sociolaborais no ámbito cultural con perspectiva de xénero”, permitiu coñecer a situación da muller no sector cultural, nomeadamente no sector das artes escénicas e audiovisuais.