NOTICIA

----

A biografía do político Xosé Velo incorporáse ao Álbum de Galicia

O político, escritor e activista Xosé Velo (Celanova, Ourense, 1916- São Paulo, 1972) é a nova personalidade en incorporarse ao Álbum de Galicia. Aser Álvarez González asina a biografía deste líder do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), principal ideólogo e promotor da operación para a toma do barco portugués Santa María (rebautizado como Santa Liberdade) en 1961, para denunciar internacionalmente as ditaduras de Franco e Salazar.

Xosé Velo definiu a súa vida como un “incendio a 37 graos” e precisamente este foi o título que Aser Álvarez González empregou para titular a biografía deste escritor, político e activista antifranquista no Álbum de Galicia. A entrada céntrase en explicar a súa traxectoria vital na que destacan os dous exilios aos que se veu abocado esta figura: en Venezuela entre 1948 e 1961; e en Brasil desde 1961 ata 1972.

Na biografía explícase a súa participación no secuestro, na madrugada do 22 xaneiro de 1961, do Santa María, o barco portugués que facía a ruta entre La Guaira e Vigo, rebautizado polos revolucionarios como Santa Liberdade. Esta acción de axitación e propaganda fora deseñada orixinalmente para provocar movementos de liberación nas colonias de África e de denuncia das dúas ditaduras ibéricas (a de Franco e a de Salazar). Aser Álvarez explica na entrada que “Velo fai mudar o plan inicial da operación para que fose considerada en todo momento como unha acción política, dende a perspectiva do dereito internacional, como se recolle en todo momento nos informes do Departamento de Estado de Estados Unidos, e non un acto de piratería, como teimaban en definilo as ditaduras española e portuguesa”.

Dous documentais arredor de Xosé Velo (sobre o aniversario da toma do Santa María e arredor da guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra) máis un video coa súa faceta de poeta; así como poemas, escritos e ligazóns axudan a entender a súa personalidade.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.