NOTICIA

----

O escritor Juan Jacinto Muñoz-Rengel pecha a reflexión sobre a mentira do ciclo Pensamos

Durante un ano o ciclo Pensarmos, promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG), dedicou todas as súas sesións a afondar sobre o concepto da mentira en ámbitos que van desde a comunicación ata a xustiza. A última cita arredor deste tema, adiada por mor da situación sanitaria, é a do escritor Juan Jacinto Muñoz-Rengel que falará este venres de “Unha historia da mentira”. Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que organiza esta cita, presentará o diálogo entre o escritor malagueño e o editor Francisco Castro. A cita é presencial pero pode seguirse en directo a través das redes da institución.

A primeira cita do ano do ciclo Pensarmos pon o ramo a unha serie de conferencias destinadas a abordar o concepto das mentiras desde diferentes puntos de vista. “Durante un ano enteiro estivemos, da man de recoñecidos especialistas, a reflexionar sobre as mentiras e os proceso de construción das verdades” explica a coordinadora Carme Adán. “Este tempo serviunos para entender mellor como funcionan os diferentes ámbitos e estamos mellor preparados para vivir nesta sociedade” engadiu. O ciclo contou coa presenza de Eulalia Pérez que falou das mentiras na ciencia e co escritor Luisgé Martín que abordou as mentiras no amor e na literatura. A xuíza do Tribunal de Xustiza Superior Vasco, Garbiñe Biurrun, encadrou o tema no ámbito xudicial. A escritora Brigitte Vasalo falou construción de alteridade, violencia e capitalismo e o avogado Jaume Alonso-Cuevillas i Sayrol falou sobre noticias falsas e xuízos paralelos.
O ciclo Pensarmos abre en marzo un novo enfoque que enfocado a pensar o concepto da normalidade.
Os participantes
Juan Jacinto Muñoz-Rengel (Málaga, 1974) é autor das novelas El gran imaginador (Plaza & Janés, 2016), Premio do Festival Celsius á mellor novela do ano, El sueño del otro (Plaza & Janés, 2013) e El asesino hipocondríaco (Plaza & Janés, 2012), do ensaio Una historia de la mentira (Alianza, 2020), da colección de microrrelatos El libro de los pequeños milagros (Páginas de Espuma, 2013), dos libros de relatos De mecánica y alquimia (Salto de Página, 2009), Premio Ignotus ao mellor libro de relatos do ano e 88 Mill Lane (2006), así como dos relatos longos Pink (2012) e Colapso (2017) publicados no selo dixital Flash, de Penguin Random House. Coordinou e prologou as antoloxías de narrativa breve La realidad quebradiza (Páginas de Espuma, 2012), Perturbaciones (Salto de Página, 2009) e Ficción Sur (Traspiés, 2008). Como autor de relato curto recibiu máis de cincuenta premios nacionais e internacionais e foi incluído en tres antoloxías de referencia da súa xeración: Cuento español actual (Editorial Cátedra, 2014), Pequeñas Resistencias (Páginas de Espuma, 2010) e Siglo XXI (Menoscuarto, 2010). Traducido ao inglés, francés, italiano, griego, turco e ruso, e publicou en máis dunha ducia de países.

Francisco Castro (Vigo, 1966) é licenciado en Filosofía, ademais de escritor. Entrou a formar parte da Editorial Galaxia como editor no ano 2008 desenvolvendo labores de edición infantil e xuvenil, no ano 2016 foi nomeado director xeral. É un dos pioneiros da blogosfera galega. Como autor foi galardoado con importantes distincións no mundo da literatura galega, como o Premio Lueiro Rey (1997), o Premio Modesto Figueiredo de narracións breves (2005), o Premio Blanco Amor (2006), o Premio Manuel García Barros (2007), o Premio Frei Martín Sarmiento (en cinco ocasións) e o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia (2013). Ademais, foi nomeado en 2012 na lista de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) por Chamádeme Simbad, un dos long-sellers máis vendidos da historia da literatura galega. A súa obra está traducida a varias linguas, como o castelán, catalán, éuscaro, italiano ou portugués de Brasil.
En 2018 entrou a formar parte do Consello da Cultura Galega na Sección de Pensamento.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo ”Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, huanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro polo que pasaron xa unha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións están gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.