----

Novas incorporacións ao repertorio de prensa da emigración galega

O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega sete novos números de La Voz de Breogán editado pola Xuventude de Galicia de Lisboa. Ademais, tamén se incorpora o primeiro numero do xornal Heraldo de Galicia que editou esta mesma sociedade. Todos os números foron doados por Miguel Regojo Fernández, neto do socio número 1 e fundador da sociedade, Ramiro Vidal Carrera.

La Voz de Breogán é unha revista publicada pola sociedade Xuventude de Galicia de Lisboa con motivo das celebracións das vodas de ouro da entidade. Foi o voceiro societario das numerosas actividades levadas a cabo para conmemorar esa data tan significativa. Nesta actualización sóbense dos números 2 ao 8 desta publicación que se definiu como "el cronicón que archivó brillantemente en su páginas, narrativas de los actos conmemorativos de las 'bodas de oro' intercaladas con excelentes colaboraciones firmadas por nombres ilustres de la Literatura y las Ciencias (...)". Ademais de dar conta dos movementos da sociedade, conta con seccións como "Crónica de las fiestas de Juventud de Galicia", "Antología gallega" ou "Notas personales", na que informaba sobre a vida social da colectividade con noticias de casamentos, nacementos, das viaxes dos socios.

Coa desaparición de La Voz de Breogán, esta sociedade fundou o xornal Heraldo de Galicia, do que esta actualización sube o seu primeiro número.