NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo analizan no Carballiño o fenómeno do idadismo

Aprender a envellecer, os dereitos das persoas maiores, xubilacións forzosas.... estes son algúns dos temas que diferentes expertos e expertas abordarán mañá no Carballiño na xornada “O idadismo, discriminación por mor da idade”. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández; e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, son os encargados de inaugurar esta cita (16:30 horas) que pretende concienciar na necesidade do avellentamento coma un proceso digno e saudable.

O auditorio Manuel María do Carballiño acollerá este martes unha cita encamiñada a analizar un fenómeno novo emerxente, como é a discriminación que sofren determinados colectivos por mor da súa idade. Rosa Arcos Caamaño e María Xosé Porteiro García son as coordinadoras desta cita que pretende abordar esta forma de discriminación desde ópticas que van desde o laboral ata o legal.

O programa
A sesión de traballo arrinca cunha conferencia marco a cargo da Valedora do Pobo, arredor da discriminación por idade. De seguido, terán lugar unha serie de faladoiros coordinados por Rosa Arcos que buscarán abordar o asunto desde diferentes perspectivas. O primeiro corre a cargo de Andrés Vázquez García, estudante de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, que falará dos dereitos das persoas maiores. De seguido, o catedrático de Dereito do Traballo da Unversidade de Vigo, Jaime Cabeza, abordará a discriminación interseccional, poñendo o foco nas mulleres maiores. Pola súa banda, Federico Armenteros, presidente da Fundación 26 de Decembro, abordará este asunto desde a perspectiva do colectivo LGTBI. Pecha Xaime Fandiño, promotor do proxecto de Innovación Social Interxeracional: Deteriorados cunha intervención titulada “Discriminación interseccional: aprendendo a avellentar”

Esta xornada encádrase dentro dunha liña de traballo que manteñen desde hai catro anos a Valedora do Pobo e o Consello da Cultura Galega e que posibilita a realización de actividades sobre ámbitos de preocupación social. A violencia de xénero, ou a discriminación por mor da raza son algunhas das temáticas abordadas nesta alianza.