NOTICIA

----

Unha xornada analiza como documentar as obras dos artistas

Un catálogo razoado pretende reunir toda a información posible sobre as obras dun artista: o seu estado de conservación, onde se expuxo..... un traballo de investigación especializado pero de gran utilidade. Sobre a importancia deste tipo de acción trata a xornada “O catálogo razoado” que organiza a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o coordinador da sección, Manuel Quintana Martelo, inauguran esta cita presencial que tamén se pode seguir en directo a través do web e as redes sociais da institución.

Miguel Fernández-Cid é o coordinador desta cita que busca afondar nas necesidade dun documento de referencia para que investigadores e historiadores estuden a obra dun artista. A xornada conta con tres destacadas figuras do mundo da arte que reflexionarán, desde ópticas diferentes, que sentido ten un catálogo razoado, como se formula e que criterios se deben seguir na súa elaboración.

O programa
A xornada comeza co relatorio de Alfonso de la Torre. Este asesor de arte e de proxectos museográficos é un dos maiores coñecedores de catálogos razoados en España, xa que ten realizado a de artistas coma Pablo Palazuelo, Fernando Zóbel ou Manuel Rivera.
Despois, Sergio “Sacha” Azcona, falará do papel do editor no marco dixital. Sacha é director editorial e consultor sénior en comunicación e mercadotecnia con máis de 20 anos de experiencia en consultoría de comunicación, social media, mercadotecnia, dirección e coordinación editorial. Profesor universitario e conferenciante. Foi premio do Ministerio de Cultura 2020 ao Libro de Arte Mellor Editado polo Catálogo razoado de Poesía visual (1941-1970) de Joan Brossa.
Pecha a sesión Carmen Calvo, que dará o punto de vista dunha artista sobre este tipo de investigación. A obra artística de Calvo está presente nas máis relevantes mostras da arte española. Ademais de dedicarse á pintura, nun territorio "híbrido" e moi singular na escena artística do noso país, destaca polos seus traballos na realización de intervencións, con carácter permanente, en edificios públicos.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Paula Cabaleiro, Miguel Fernández-Cid, Carmen Neira, Carmen Díaz, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofia Santos, Rosario Sarmiento e Manuel Vilariño. Esta Sección realizou diferentes informes algúns deles moi relevantes como Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013.