----

O especial Historias de ida e Volta documenta en vinte imaxes o secuestro do Santa Maria

Un trastlántico con 650 pasaxeiros. Tres homes: o excapitán Henrique Galvao, Xosé Velo Mosquera e José Fernando Fernández Vázquez, chamado comandante Sotomayor. E unha causa: a denuncia das dictaduras de Franco e Salazar. A coñecida historia do secuestro do Santa María ocupa unha nova entrega do proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura dun episodio da nosa historia recente que deu a volta ao mundo.

“O navío Santa Maria é a Operación Dulcinea” é o nome dunha nova entrega do especial que dá conta dun feito histórico que pretendía chamar a atención sobre as dictaduras ibéricas co secuestro dun trasatlántico. A historia, que deu lugar a documentais e películas sobre o tema, ofrécese agora a través de vinte imaxes que proceden de fondos e coleccións depositadas no Arquivo da Emigración Galega.
A escolma do material ofrece imaxes do trasatlántico; do folleto co que a navieira, a compañía portuguesa Companhia Colonial de Navegaçao, cubrían a chamada ruta caribeña, con amarres nos portos de Vigo, Lisboa, Madeira, Tenerife, A Guaira en Venezuela, Curaçao, San Xoán de Porto Rico e Miami. No folleto pode verse como ofertaba unhas instalacións modernas e de gran calidade, con capacidade de máis de 1100 pasaxeiros e unha tripulación de 355 persoas para atendelos coa maior eficacia; un billete e unha imaxe da cafetería

O especial inclúe o Jornal do “Santa Maria”, publicado pola tripulación do barco para os pasaxeiros da nave co obxectivo de informalos das actividades organizadas para o seu desfrute, ademais de dar consellos de boas maneiras para ter unha boa viaxe e notas de cociña, textos literarios ou noticias de deportes. Neste especial aparece o número redactado polo comando que secuestrou o buque e que se distribuíu aos pasaxeiros o día 24 de febreiro. Nel infórmase sobre as intencións do secuestro e defenden a lexitimidade do secuestro político do buque e da súa loita contra o réxime de Salazar. Para tranquilidade dos pasaxeiros, deixa claro que os que o desexarán poderían desembarcar nun porto neutral sen ningún tipo de dano. No escrito aparece que o comando estaba ao mando do Capitán Henrique Galvâo, como representante do xeneral Humberto Delgado, presidente electo de Portugal, e do DRIL.
O especial inclúe tamén imaxes dos dous galegos, Xosé Velo e de de José Fernández Vázquez, máis coñecido como «Comandante Jorge de Sotomayor». Ademais, deste último tamén se amosa o seu pasaporte.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En catorce especiais documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.