NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega edita partituras inéditas de Carlos López García-Picos e incorpora a súa entrada ao Álbum de Galicia

Neste 2022 celébrase o centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922-Oleiros, 2009). Foi un músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador cultural...) que estivo sempre comprometido coa causa galega. Co gallo da efeméride parte da súa obra pódese ler na publicación Obras para violín e violonchelo, que acaba de publicar o Consello da Cultura Galega (CCG) con edición de Joám Trillo. Ademais, Javier Ares asina a entrada sobre o compositor que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.

O Consello da Cultura Galega afondou este martes na figura de Carlos López García-Picos cunha xornada titulada “Perspectivas atlánticas. Transculturación musical no século XX” . Nela tamén se abordou a situación dos músicos galegos na emigración americana. Ademais, presentouse Obras para violín e violonchelo, publicación que xunta unha parte importante do seu legado inédito, editado por Joám Trillo.

María del Carmen Lorenzo Vizcaíno e Javier Ares Espiño son os autores do estudo introdutorio no que explican que o seu catálogo está “composto por 141 creacións, un amplo abano de obras sinfónicas, cuartetos, pezas pianísticas, para violonchelo e para diversas formacións camerísticas”. Ademais, describen que o corpus musical do compositor betanceiro se pode “dividir en tres grandes liñas segundo se trate de pezas orquestrais, obras para piano ou música de cámara”.

Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia acaba de incorporar a entrada biobibliográfica do compositor betanceiro. Javier Ares é o autor do texto no que explica que tomou o seu nome artístico do segundo apelido do pai, que foi quen o introduciu na paixón pola música. Exiliados en Arxentina, Carlos López integrouse cedo nos círculos musicais e culturais da capital Aires. Acada unha bolsa de formación da Embaixada Cultural de Francia en Bos Aires coa que se traslada a París a completar a súa formación e, de paso, a contactar coa colectividade galega. Integrouse na Casa Galicia de París, onde participou na reorganización do seu coro.. unha mostra do seu carácter activo. Na entrada explícase que o centro da súa composición musical tivo lugar ao seu regreso a Galicia, onde atendeu a encargas da Orquestra Sinfónica de Galicia, composición de obras de cámara para grupos liderados polo clarinetista Jesús Villa-Rojo ou a participación nunha publicación de partituras do Curso Música en Compostela.

“O seu estilo, sempre vangardista, segue flutuando sen parar durante todos estes anos. Pero podemos observar algúns eixes nos feitos inspiradores da súa linguaxe musical: a Guerra Civil volven unha e outra vez á súa memoria, tamén están moi presentes as elexías a amigos finados, as homenaxes aos galeguistas de Bos Aires ou a natureza” explica Javier Ares na entrada.

Foi tamén, fundador e presidente da Asociación Galega de Compositores (AGC) e tamén membro fundador da Confederación Española de Asociaciones de Compositores Sinfónicos (CEACS).

O contexto
Neste ano en que se dedica o Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán, desde o Consello da Cultura Galega preténdese dedicar unha atención especial ás contribucións á cultura galega realizadas no exilio, neste contexto encaixa tanto a xornada como a publicación.