Luis García Montero e Helena González reciben as Medallas do Consello da Cultura Galega polo seu traballo de difusión e promoción no exterior

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, entregou no serán deste venres as Medallas de Honra da institución ao poeta e director do Instituto Cervantes, Luis García Montero (Granada, 1958), e á profesora da Universitat de Barcelona Helena González Fernández (Comesaña, Vigo, 1967) polo seu “labor a prol do diálogo entre a cultura galega e outras culturas irmás, fraternalmente, por enriba de muros e valados que non están nos nosos corazóns”. No acto estiveron presentes numerosas personalidades da sociedade e da cultura galega como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; ou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outros.

O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela encheuse no acto de entrega das Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, lembrou no seu discurso varios poemas de Valentín Paz-Andrade e de Florencio Delgado Gurriarán para falar da “Galicia espallada, da Galicia infinda, do pobo disperso” que recoñece o espírito deste galardón. O CCG creou en 2018 estas Medallas para salientar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o destacado peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. A presidenta do CCG reivindicou no seu discurso “unha nación transterritorial como consecuencia da emigración secular, dos exilios ou das novas diásporas, pois está alí onde estean os galegos e galegas”. Ademais, incidiu en que Galicia ten “unha cultura propia nun estado plurinacional, plurilingüístico e pluricultural que na Península Ibérica comparte espazo co portugués”.

Os premiados e as laudatios
“Es un dos nosos esteos en Cataluña e moito máis que unha ponte: es o abrazo entre dúas nacións e dúas culturas irmás” afirmou a presidenta, Rosario Álvarez, sobre Helena González, a primeira homenaxeada en recoller a súa Medalla. María Xosé Porteiro, membro do Plenario e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), foi a encargada da súa laudatio e lembrou “o tempo, esforzo e dedicación que vén compartindo cos afáns e a misión do Consello da Cultura Galega. En boa medida, na súa ética –alén dun firme compromiso intelectual– percibimos a constante da sororidade e a teima por seguir revisando identidades contiguas: xénero, etnicidade, clase...”. Ademais, fixo un percorrido pola “súa implicación no desenvolvemento da área de feminismo que abordou a Comisión de Igualdade, creada e alentada en 2007 pola filósofa feminista María Xosé Agra, que se consolidou en 2019 coa creación do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos”.

“Recíboa como unha máis da tribo galega ciscada polo mundo adiante, e como honra que lles facedes ao equipo docente e ao alumnado de Estudos Galegos e Portugueses da Universitat de Barcelona” afirmou Helena no seu discurso. Nel fixo un repaso dalgunhas das iniciativas que leva facendo en Cataluña, nomeadamente desde Barcelona. Entre elas os cursos para alumnado universitario e cursos abertos de lingua galega, o proxecto Galauda para ensinar cultura galega na educación secundaria de Cataluña, o Canal Estudos Galegos en Vieiros, o congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos de 2003, publicacións, o ciclo “No només Rosalía de Castro”, a revista científica Abriu. Estudos de Textualidade do Brasil, Galicia e Portugal, a colección de plaquettes de tradución Letras Galegas... e moitas outras, presentes e pasadas. “E aínda, hai agora vinte anos, fomos precursoras das Letras Galegas de hogano, organizando na Galería Sargadelos as primeiras xornadas Florencio Delgado Gurriarán”, afirmou.

Federico García Lorca e Rosalía de Castro son dúas figuras que marcaron a poesía de Luis García Montero. Ambas están presentes no poema Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta de Lorca, que serviu de preludio musical da entrega da segunda Medalla. “Pola túa firmeza no recoñecemento da nosa lingua e da nosa cultura, e de todas e cada unha das linguas nas que os seres humanos defenden os seus dereitos, e polos valores que esa firmeza implica de compromiso coa diversidade e de solidariedade con quen habita as marxes, sexan persoas ou culturas, o CCG ten a honra de concederche a súa Medalla”, apuntou Dolores Vilavedra, secretaria da institución, na laudatio ao homenaxeado. Destacou a súa vinculación coa cultura galega, moito antes de que dirixise o Instituto Cervantes, desde o que axudou a diversificar e ampliar a acción exterior do Consello da Cultura Galega, ao tempo que contribuíu a visibilizar a importancia do plurilingüismo. Luis García Montero comezou a súa intervención en galego: "Gustaríame comezar dándolles as grazas de corazón por este recoñecemento que estou a recibir hoxe e que me implica unha vez máis na miña admiración pola cultura galega. Confeso que, xunto á honra que isto supón, celebro a alegría engadida de compartir este recoñecemento coa profesora Helena González, que tanto fixo por subliñar a importancia das escritoras no ámbito galego e moito máis aló” apuntou.

“Lela”, de Castelao, puxo o broche final dun acto emotivo no que houbo referencias a Ramiro Fonte, Xavier Queipo, María Xosé Agra, Basilio Losada, Xoán González-Millán e moitas outras figuras destacadas da cultura galega. A soprano Irene Zas e o pianista Alejo Amoedo foron os encargados das tres interpretacións musicais que houbo ao longo do acto.

Foron anteriores galardoados das Medallas de Honra do CCG Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato.

Outras noticias que che poden interesar