----

XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo terceira edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística, ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquela persoa que máis destaque na promoción da lingua galega de calidade; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación de candidaturas publicarase no anuncio de publicación da convocatoria elaborado a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, e rematará ás 14:00 h do 29 de abril de 2022.