----

Actualizado o Repertorio de prensa da emigración con novos números do xornal Opinión Gallega

Como cada primeiro venres de mes, o Repertorio de prensa da emigración actualízase con fondos procedente do Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Desta volta súbense 57 números do xornal Opinión Gallega de Bos Aires, órgano de prensa do Centro Orensano e do Centro Pontevedrés no que colaboraron destacados galeguistas como Castelao, Plácido Castro ou Antón Alonso Ríos, entre moitos outros.

Opinón Gallega é unha publicación que seguiu o ronsel de El Orensano, como órgano oficial do Centro Orensano e do Centro Pontevedrés de Bos Aires. Valeriano Saco e Rodolfo Prada foron os directores deste xornal que informaba da vida societaria das devanditas entidades, incluíndo noticias da colectividade, sobre todo no eido cultural e nas actividades das asociacións galeguistas. Complétabase con informacións sobre Galicia, principalmente das súas provincias de referencia, e artigos que abordan a realidade galega dende diferentes ámbitos, nos que colaboran intelectuais galeguistas como Castelao, Plácido Castro, Ben-Cho-Sey entre moitos outros.

Unha parte destacada deste fondo chegou ao AEG da man de Chema Rei Lema, que facilitou varios números que se conservan na “Biblioteca Roberto Veloso-Carmen Balboa”, da Asociación de Veciños de Baio (Zas). Roberto Veloso foi emigrante en Arxentina de 1950 ata 1959, e estivo moi implicado nas actividades societarias da colectividade galega deses anos, chegando a ser presidente de Mocedades Galeguistas de Bos Aires. Legou a súa biblioteca á asociación de Baio quen a custodia e difunde entre os seus veciños.