----

A colección Clásicos da emigración amplíase cunha obra pioneira nos estudos sobre América

“Luisa Cuesta foi unha pioneira nos estudos americanistas e todos os que estudamos os vínculos con América bebemos deste texto” asegurou a historiadora Pilar Cagiao, autora do estudo introdutorio do libro La emigración gallega a América. É o último volume en incorporarse á colección Clásicos da Emigración que promoven o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración. Os titulares de ambas entidades, Rosario Álvarez e Antonio Rodríguez Miranda respectivamente, xunto co director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, presentaron este novo volume que axuda a mellorar o coñecemento do fenómeno migratorio. A publicación xa se pode descargar desde o web do CCG.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou na presentación a importancia de rescatar este título que “sentou os primeiro alicerces da actual e puxante historiografía galega das migracións”. Pola súa banda, Antonio Rodríguez Miranda destacou a figura de Luisa Cuesta, recordando “quen, nunha época na que as mulleres non eran habituais neste tipo de profesións, foi capaz de presentar non unha, senón dúas teses vencelladas a historia de América e destacou como unha das mellores coñecedoras da evolución da emigración galega aos países de Ultramar”.

A historiadora Pilar Cagiao foi a autora do estudo introdutorio e destacou que “estamos ante unha muller pioneira en todos os sentidos e á que lle debemos un traballo intenso e detallado de documentar desde a época de Colón ata o século XVIII todos os vínculos con América”.

A publicación
O traballo de Cuesta veu a luz en 1932, unha época na que as mulleres non abondaban na publicación de estudos. Nel aborda os vínculos históricos que Galicia mantivo con América a través dos movementos de poboación con especial atención aos plans de poboamento organizados no século XVIII pola Coroa. Nese senso, analiza o artellado en 1725 cara á Banda Oriental do Río da Prata e o das expedicións de familias que entre 1778 e 1884 partiron sucesivamente do porto da Coruña para dirixirse á Patagonia e que, frustrada esa intención, logo foron dar a outros lugares.

A pioneira Luisa Cuesta
Luisa Cuesta Gutiérrez (Medina de Rioseco, 1892-Madrid, 1962) tiña 29 anos cando chegou a Galicia no verán de 1921 para traballar como bibliotecaria na Universidade de Santiago despois de aprobar a oposición ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Na súa experiencia profesional previa xa exercera como mestra de escola e foi a primeira muller docente na Facultade de Filosofía e Letras valisoletana. En Santiago estudou Dereito ao tempo que desenvolvía as súas tarefas na biblioteca universitaria e actuaba como profesora auxiliar de Filosofía e Letras. Nestes eidos mantivo unha estreita relación con Ciriaco Pérez Bustamante e con José María Bustamante y Urrutia. Tivo dúas paixóns vocacionais: como bibliotecaria, a historia do libro; como investigadora, o americanismo. Esta última levouna a facer dúas teses de doutoramento vencelladas á historia de América, defendidas na Universidad Central de Madrid, a onde foi trasladada en 1930 para traballar na Biblioteca Nacional. Tres anos despois representaría a esta institución no Certame do Libro Español realizado en Bos Aires. A súa posición política de esquerda fixo que, ao rematar a Guerra Civil, fose apartada da Biblioteca Nacional, á que só puido volver en 1945 e onde o seu amplo coñecemento en temática americanista, adquirido durante a súa traxectoria profesional, lle valeu para desempeñar, ata a súa xubilación en 1962, o cargo de xefa da Sección de Hispanoamérica.

A Colección Clásicos da Emigración
En 2020 o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración sacaron ao prelo a edición facsimilar de La emigración en Galicia, obra publicada por Ramón Castro López en 1923. Foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da emigración, pretendía ofrecer, en edición facsimilar con estudo introdutorio, textos destacados que supuxeron un reflexo fiel sobre o fenómeno migratorio.

A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo, ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.