NOTICIA

----

Regresan os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural coa análise do papel dos Centros de Interpretación

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) inicia este ano 2022 as xornadas dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural no CIN Bretoña, un centro de interpretación localizado no concello da Pastoriza (Lugo) que conta cunha exposición centrada na arqueoloxía, historia e etnografía do concello, pero que pon a mirada tamén no patrimonio natural, a través dunha serie de rutas polos arredores, así como nos protagonistas que construíron a historia de Bretoña. Rosario Álvarez, presidenta do CCG ; José Tomé Roca, presidente da Deputación Provincial de Lugo; Primitivo Iglesias Sierra, alcalde da Pastoriza; Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG e María Xosé Porteiro García, coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, son os encargados de inaugurar esta cita na Pastoriza (venres, 16:30horas). A xornada vai ser gravada para poñer a disposición da cidadanía as achegas do encontro á maior brevidade posible.

A sesión número 35 dos Encontros Monográficos co patrimonio cultural abordan o papel da cidadanía nos espazos rurais. A través desta xornada búscase traer a debate o papel dos centros de interpretación en Galicia na formación e educación patrimonial da cidadanía nos espazos rurais, analizando que papel desempeñan, cal é o seu funcionamento, cal a conexión coas poboacións locais, ou que tipo de xestión se fai neles. Despois, abrirase o foco para ofrecer unha ollada máis ampla, crítica e interdisciplinaria á infraestrutura dos centros de interpretación existentes en Galicia e as novas tendencias. Para iso, terase en conta a recente Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.

O programa
A xornada comeza cunha visita ao CIN Bretoña. Pola tarde, a primeira das intervencións corre a cargo de Roque Lazcano Vázquez, xestor do CIN Bretoña, que leva por título “O CIN Bretoña: xestión e programación na Casa da Galocha”. De seguido, Francisco Alonso Toucido, arqueólogo e membro da Asociación Para a Interpretación do Patrimonio (AIPA) analizará o espazo expositivo do CIN Bretoña atendendo á historia, arqueoloxía e etnografía. Pecha este bloque Primitivo Iglesias Sierra, alcalde da Pastoriza, O CIN no lugar: a conexión cos espazos e coa xente

A continuación terá lugar unha mesa redonda na que se debaterá o papel da rede de centros de interpretación de Galicia como centros de educación e formación. Rebeca Blanco-Rotea e María Xosé Porteiro conducen a María del Mar Bóveda López, educadora e investigadora da USC; Matilde González Méndez, arqueóloga especialista en comunicación e revalorización do patrimonio e membro da AIP, e Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo.

IN SITU
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega estrearon en 2018 un formato que leva a etiqueta de IN SITU, para analizar bens patrimoniais no seu lugar de emprazamento. Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e está composta por profesionais como.