NOTICIA

----

Unha xornada reflexiona sobre o papel actual das filmotecas

Que ten que ser unha filmoteca hoxe? Que papel real desempeña? Estas son algunhas das cuestións sobre as que se reflexionará na xornada “Filmotecas e patrimonio audiovisual” que organiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Josetxo Cerdán, director da Filmoteca Española, Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, son algúns dos participantes deste encontro coordinado por Sergio Lago e José Manuel Rey Sande no que proxectarán e comentarán filmes históricos restaurados. As prazas están esgotadas pero poderá seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

A xornada pretende reflexionar sobre algunhas das cuestións susceptibles de mellora e chaves no universo das filmotecas da man de responsables de centros destacados como Josetxo Cerdán, director da Filmoteca Española; Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, que fará unha intervención telemática, xunto con José Manuel Rey Sande, historiador e coordinador da cita. Os tres centrarán a primeira das mesas nas que fará de programación, comisariado, reflexión sobre os espazos de exhibición, a parcería con outras institucións ou os programas didácticos, entre outros ámbitos.
De seguido, Marián del Egido, directora do Centro de Conservación y Restauración da Filmoteca Española, e Mariona Bruzzo, xefa do Centre de Conservació i Restauració da Filmoteca de Catalunya abordarán a importancia da restauración, conservación e divulgación do patrimonio audiovisual. Ao fío deste tema, as dúas relatoras ofrecerán pola tarde unha sesión práctica na que se proxectarán e comentarán varios exemplos de audiovisuais restaurados. Nesta sesión falarase da pioneira película rodada en cor en España, Pontevedra, cuna de Colón, de Enrique Barreiro, restaurada pola Filmoteca Española coa colaboracion da Filmoteca de Galicia. Desde a Filmoteca de Catalunya proxéctase o filme mudo Dragons traversat La Saône à la nage da Cinématographe Lumière do ano 1896); Derna y Antigua (Rome moderna et antique)i puente de los suspiros (Pont des souspirs), da serie Excursion en Itali de Camille Legrand e “MENJANT GAROTES” que Luis Buñuel dirixiu en 1930.

Comisión técnica temporal de Xestión e Políticas Culturais
Esta é unha actividade da Comisión Técnica Temporal de Xestion e Políticas Culturais. Esta Sección está coordinada por Dolores Vilavedra e nela participan membros como Xavier Campos, Marián Fernández, Marcos Lorenzo, Alberto García ou Agar Ledo. Entre as súas actividades recentes está o ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19” ou as “Xornadas de mediación cultural”.