NOTICIA

----

Comeza en L’Aquila a itinerancia europea de Afonso X e Galicia

O proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, Afonso X e Galicia acaba de inaugurarse no Palazzo Dell’Eiciclo (Consiglio Regionale dell Abruzzo) en L’Aquila (Italia) e marca o inicio da súa itinerancia europea. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o embaixador de España en Italia, Alfonso Dastis; o presidente del Consiglio Regionale d’Abruzzo, Lorenzo Sospiri; o reitor da Università dell’Aquila, Edoardo Alese, e o comisario, Antoni Rossell foron os encargados de inaugurar esta mostra que permanecerá na cidade italiana ata o 8 de abril. A proposta expositiva serve tamén como antesala do congreso internacional I re poeti no que presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ofrecerá unha conferencia sobre o monarca.
Comeza en L’Aquila a itinerancia europea de <em>Afonso X e Galicia</em>

Numerosas autoridades italianas e españolas arrouparon a inauguración desta mostra organizada para conmemorar os 800 anos do nacemento de Afonso X en 2021, que afonda no legado do monarca e a súa conexión con Galicia. Lorenzo. A mostra serviu tamén como o acto de apertura do congreso que a Universidade de L’Aquila organiza arredor da cultura medieval no que participan tamén varios investigadores galegos. No marco desta cita, a presidenta do Consello da Cultura Galega impartirá este xoves unha conferencia sobre a relación do monarca con Galicia.

O proxecto expositivo
Afonso X e Galicia amosa unha faceta pouco coñecida da súa figura e convida a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval.

Non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A primeira das partes busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana. A segunda está orientada a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. Despois, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos.

A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa Maria están presentes na mostra cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que están instalados en toda a mostra diferentes códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.



Afonso X: un proxecto político e cultural
A mostra presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos e contradicións, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato constrúe a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que ensalza a figura de Santa María en conflito co cabido compostelá. Ademais, emprega a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural.

Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

Afonso X e o Consello da Cultura Galega
Esta exposición, xunto co volume de estudos presentado en 2021 a cargo de recoñecidos investigadores, supón un salto adiante dun longo proxecto do Consello da Cultura Galega en prol da investigación sobre a Idade Media, máis concretamente sobre as Cantigas de Santa Maria. A Cantigas constitúen unha das obras máis importantes saídas do obradoiro literario de Afonso X e un dos monumentos artísticos máis valiosos e representativos da cultura europea medieval. Esta obra chegou a nós mediante catro manuscritos coetáneos, que representan tres “edicións” sucesivas, cada cal máis ampla, da vasta colección afonsina. En 2003 o Consello da Cultura Galega realizou unha edición do Códice de Toledo, o menos coñecido dos catro manuscritos. Sete anos despois, volveu sobre a obra cunha transcrición, estudo preliminar e notas da especialista Martha E. Schaffer.

Ademais, da man de Antoni Rossell, o CCG editou en 2006 unha versión vocal das Cantigas de Santa Maria nun CD con múltiples colaboracións, que foi o resultado dun intenso traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Foi un proxecto de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegou unha interpretación das Cantigas diferente.