A nova entrega do especial Historias de ida e Volta homenaxea as mulleres da diáspora galega

Neste mes de marzo a nova entrega do especial Historias de ida e volta vólcase en traer á memoria voces femininas da diáspora. Andrea López Chao, Anisia Miranda, A bella Otero, Sofía Casanova, Maruxa Mallo...son algúns dos nomes que nos ofrece este proxecto, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura da historia da emigración en clave feminina.

A entrega número 17 do especial Historias de ida e volta leva por título “Memoria e voces femininas da diáspora galega”, para centrarse no papel que desenvolveron as mulleres na emigración. “Elas emigraron, ben xunto cos seus pais, homes ou fillos, ou ben soas, na busca de novas oportunidades laborais, económicas e de liberdade. En América e nos países europeos industrializados traballaron, formáronse e integráronse nunhas sociedades que lles ofrecían máis posibilidades de acadar os seus soños. Nun proceso tan longo no tempo e tan espallado no espazo, a súa situación foi dispar, pero amosaron o seu pulo e loita para mellorar a súa situación, reunir uns aforros, formar unha familia, educar os seus fillos..., sen esquecer a súa terra natal e os que aquí quedaron. Sempre co pensamento posto nun retorno a Galicia que en moitas ocasións non lograron” figura no texto descritivo deste especial.

Fotografias e recortes de prensa que nos achegan á historia de mulleres moi recoñecidas como Anisia Miranda, Virxinia Pereira, Maruxa Boga, Ana Kiro ou Maruxa Villanuev, pero tamén a mulleres cuxas historias permaneceron invisibilizadas. Entre elas figuras como Andrea López Chao, emigrante na illa de Cuba que representa unha muller atípica da emigración, con formación académica e que a través da prensa temos noticia do seu labor como docente no Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana, do que chegou a ser directora. Foi unha persoa integrada na colectividade galega, ocupou o cargo de vicepresidenta da sociedade Hijas de Galicia, entidade centrada na protección e coidado da muller emigrante.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 17 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.